Educación inviste 93.000 euros en axudas a universitarios galegos que cursen estudios fóra da comunidade

Actualizado: martes, 28 marzo 2006 22:08

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 28 Mar. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria destinará un importe de 93.303 euros a axudas a estudantes universitarios con residencia en Galicia que cursan estudos oficiais fóra da Comunidade por non estaren implantados no Sistema Universitario de Galicia (SUG), segundo recolle o Diario Oficial de Galicia (DOG).

O obxecto desta orde é axudar a sufragar parte dos gastos que supón o desprazamento fóra da comunidade daqueles estudantes galegos que, por non estar implantada no SUG a titulación que desexan cursar, realizan estudos presenciais de carácter oficial e validez nacional nas universidades públicas de fóra de Galicia dentro do territorio español.

Estas axudas enmárcanse na política de asistencia económica aos estudantes que está a levar a cabo a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria co obxecto de favorecer a calidade, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico.

Poderán concorrer a estas axudas os estudantes que, tendo residencia familiar en Galicia, cursen estudos presenciais de 1º ciclo ou 1º e 2º ciclo en universidades públicas de fóra da Comunidade durante o curso 2005/06 nunha titulación de carácter oficial e validez nacional que non sexa impartida nalgunha das universidades galegas, ou que veñan cursando eses estudos con continuidade noutra universidade pública de fóra de Galicia desde antes de que se comezaran a impartir no SUG.

Ademais, os estudantes que desexen obter unha destas bolsas deben estar matriculados en, como mínimo, 50 créditos, ou os que lles resten para adquirir a titulación. Os solicitantes que estean cursando estudos universitarios teñen que posuír unha nota media no seu expediente académico igual ou superior a 1,5 puntos; e os alumnos que inicien por primeira vez o 1º curso universitario deben ter unha nota de acceso á universidade igual ou superior a 5,5 puntos.

A selección dos candidatos será realizada por unha comisión avaliadora, en réxime de concorrencia competitiva en función da media do expediente académico do alumno. Así, a contía global que percibirá cada bolseiro, que non poderá superar os 3.000 euros, determinarase atendendo aos seguintes criterios: o expediente académico do alumno, polo que percibirá un importe máximo de 1.200 euros; a área xeográfica en que estea situado o centro de estudos, ata 1.000 euros; e os ingresos familiares, cunha contía máxima de 800 euros en rendas inferiores a 3.000 euros por membro da unidade familiar.

As actividades para as que se solicita a axuda serán realizadas durante o curso académico 2005-06. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir de hoxe martes, 28 de marzo de 2006, e o prazo máximo para resolvelas será de seis meses contados a partir da publicación desta convocatoria no DOG.

Estas accións non son incompatibles coas bolsas e axudas ao estudo de carácter xeral convocadas polo Ministerio de Educación e Ciencia (MEC). Como accións complementarias que son, cobren un ámbito de actuación común coas convocatorias de carácter nacional e un ámbito propio que, nalgúns casos e polas súas propias bases, permiten aumentar a cantidade da axuda que percibe o solicitante por parte do MEC.