Entrevista de Europa Press a Emilio Pérez Touriño, presidente da Xunta

Actualizado: sábado, 4 agosto 2007 14:30

"Estou seguro de que os próximos orzamentos van satisfacer a barreira dos 1.800 millóns para Galicia"

"A miña traxectoria avala a autonomía do PSdeG. Os ministros están dispoñibles para encabezar unha lista pero o partido decidirá aquí"

"É normal que ante as xerais o BNG diga que é o único garante de non sei que. Nós diremos que para garantes, os que gobernamos"

"Hai que activar procesos xudiciais para castigar con máis firmeza os incendiarios. O problema existe: hai xente que queima o monte"

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 4 Ago. (EUROPA PRESS) -

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, ten "plena confianza" en que os Presupostos Xerais do Estado (PXE) de 2008 que se darán a coñecer en setembro "satisfarán a barreira" dos 1.800 millóns de euros para Galicia e se mostrou convencido de que, en futuros exercicios, o Goberno "seguirá cumprindo" como "ata agora" co compromiso de destinar o 8 por cento da inversión territorializada.

Nunha entrevista concedida a Europa Press, Touriño admitiu que os tres ministros galegos --César Antonio Molina, Elena Salgado e Elena Espinosa --son "persoas dispoñibles" para encabezar candidaturas en Galicia para as próximas eleccións xerais, pero puntualizou que será o partido en Galicia o que "avaliará aquí se son a mellor referencia para encabezar ou non" unha lista. Así, reivindicou que a súa traxectoria "avala" a autonomía do PSdeG, "exercida dende a lealdade, pero con autonomía".

Así mesmo, asumiu que, a medida que se achegue a cita coas urnas, o BNG "empezará a dicir cousas como as que está empezando a dicir de que son os únicos garantes de non sei que no Estado", ante o cal indicou que a estratexia do seu partido será "poñer en valor" a garantía que supón estar no Executivo. O presidente da Xunta tamén se referiu aos incendios para reclamar a necesidade de "activar procesos xudiciais para castigar con máis firmeza os incendiarios".

INVESTIMENTOS ESTATAIS

Para Touriño, a "preocupación maior agora" pasa por que "o Goberno faga os deberes" e dea luz verde a uns orzamentos "como os de ata agora". Na súa opinión, "Galicia non ten máis barreiras que a súa propia aspiración" e, por iso, mostrouse convencido de que contará de novo cunha "discriminación positiva para lograr os obxectivos definidos para 2012 nos que o Estado participa".

Así, expresou a súa "plena confianza en que os compromisos asumidos se van cumprir" e, malia que a cifra non se coñecerá ata a segunda quincena de setembro, dixo estar "seguro de que se vai satisfacer esa barreira" dos 1.800 millóns tal e como demandou o BNG para dar o seu apoio ás contas estatais. "Deixemos que Solbes faga as contas. A formulación política está feita, as necesidades sinaladas e o compromiso de Zapatero existe", declarou.

Como proba, Touriño lembrou que dende a chegada do Goberno socialista o investimento estatal se duplicou nunha comunidade que, ata entón, "estaba na cola". En consecuencia, interpelado pola incerteza acerca do mantemento en próximos exercicios do 8 por cento das partidas territorializadas, preguntouse "por que vai temer o presidente da Xunta". "Ata agora --Moncloa-- cumpriu e non teño ningunha desconfianza de que non o vaia seguir facendo", aseverou.

Neste senso, proclamou que "Galicia está ben defendida polo seu Goberno e o seu presidente" e, por iso, en referencia á proposta do Bloque de trasladar a Madrid o acordo autonómico, declarou: "Agradezo moito os esforzos do nacionalismo e a dereita por facer valer a súa posición, pero afirmo con contundencia que o país está ben defendido". "Non sento a necesidade de ningunha táboa salvadora", apostilou.

No entanto, admitiu que, a partir da "liña de traballo" de executar o pacto de Goberno "por enriba do 100 por cento", as forzas que integran o bipartito teñen "cada unha o seu perfil". Por iso, xulgou como "normal" que, a medida que se achegan as eleccións xerais, o BNG "empece a dicir as cousas que está empezando a dicir de que son os únicos garantes de non sei que no Estado". "Nós poremos en valor que para garantes, os que gobernamos España", afirmou.

PERSPECTIVAS PARA AS XERAIS

Así, mantivo que as xerais "se van dirimir entre Zapatero e suponse que Rajoy" --"dígoo porque isto de Rato creou incertezas", xustificou-- e engadiu que, na próxima convocatoria electoral, a Galicia "interésalle que a aposta que hoxe encabeza o presidente do Goberno saia reforzada" para manter os obxectivos de reequilibrio territorial.

Para logralo, asegurou que o PSdeG confeccionará "as mellores listas que poida", propoñendo como integrantes ás "persoas que máis poidan achegar e resultar máis cribles para o electorado galego". "Pedirei ao meu partido que faga o esforzo de facer unhas candidaturas que conecten coas demandas da cidadanía", engadiu Touriño, quen considerou "importante" que os votantes da comunidade "vexan nos seus congresistas xente que defende os intereses de Galicia".

Ademais, preguntado pola posibilidade de que os tres ministros galegos se sitúen á fronte das candidaturas de Ourense, A Coruña e Pontevedra, preferiu "non entrar na definición de quen pode ser membro dunha lista", posto que, "de entrada, todos os militantes poden". Porén, salientou as "altísimas responsabilidades" exercidas por Elena Salgado, César Antonio Molina e Elena Espinos "na dirección política de España" que, consecuentemente, "son vitais tamén para Galicia".

Con todo, precisou que o PSdeG "avaliará aquí se son a mellor referencia para encabezar ou non" unha candidatura, xa que aínda que "son persoas dispoñibles, o partido deberá facer a oferta que crea máis oportuna". Ao respecto, recoñeceu que a titular de Administracións Públicas é "evidentemente a que ten menos referencia directa con Galicia", pero engadiu que é unha "magnífica política".

En consecuencia, resolveu que "o partido decidirá no seu momento que é o mellor" baseándose nunha "selección" de aspirantes a lograr "un bo resultado electoral, defender os intereses do país e articular a vontade de Galicia no Estado". "Se o facemos ben, seguro que subimos en número de deputados" respecto aos dez galegos que dende 2004 ocupan un escano socialista no Congreso, considerou.

Para iso, reivindicou a marxe de manobra dos socialistas galegos, que atribuíu á súa xestión como secretario xeral. "A miña traxectoria avala a autonomía do Partido Socialista de Galicia, exercida dende a responsabilidade e a lealdade, pero autonomía. Se algo define a súa evolución dende que me fixen cargo hai xa algúns anos é a ruta do galleguismo", defendeu.

INCENDIOS

Por outra parte, o presidente autonómico reivindicou a "mellora substancial" operada no dispositivo de resposta contra o lume a partir do incremento de membros mobilizados, os traballos de prevención e o "reforzamento da presión policial dos incendiarios". "Fíxose un traballo moi serio e tomado nota das consecuencias do pasado mes de agosto", declarou.

No entanto, Touriño considerou "necesario" activar os mecanismos de resposta xudicial e de "castigo" dos autores do lume a través de "máis medios" que permitan promover os procedementos para "castigar con máis firmeza aos que incorren neste delito". "Nunca me escoitarían unha reflexión en termos de trama, pero o problema de fondo existe: hai persoas que queiman o monte", lembrou.

En consecuencia, avogou por "poñer os mellores recursos e efectivos policiais" para mellorar a "capacidade de detención e verificación", posto que, segundo el, "non é tanto a pena como o feito de que se segue detendo a unha parte moi pequena, non máis do 10 por cento" dos incendiarios, concluíu.