A escola infantil de Barreiros (Lugo) poderá entrar en funcionamento o vindeiro martes

Actualizado: viernes, 17 marzo 2006 19:54

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 17 Mar. (EUROPA PRESS) -

A escola infantil do concello lucense de Barreiros poderá abrir as súas portas o vindeiro martes, despois de que un equipo de inspectores da Subdirección Xeral de Autorización e Inspección de Centros da Vicepresidencia da Xunta comprobase na mañá de hoxe que todas as deficiencias que había neste centro están xa subsanadas.

Segundo informou a propia Vicepresidencia da Xunta nun comunicado, o luns enviaráselle o informe completo da inspección ao concello de Barreiros, así como a autorización para o inicio de actividades, polo que a escola infantil "poderá entrar en funcionamento o martes mesmo".

Cúmprese deste xeito o compromiso do secretario xeral e de Relacións Institucionais, Antón Losada, que o pasado 8 de marzo --nunha visita en Foz-- anunciou que a escola de Barreiros podería estar funcionando no prazo dun mes, se dende o Concello se daba cumprimento aos requerimentos dos técnicos e inspectores da Xunta. Naquela ocasión o alcalde de Barreiros, José Alfonso Fuente Parga, comprometérase a poñer todos os medios para solventar os problemas existentes. Unha vez corroborado que así se fixo e que todo está correcto, o luns mesmo terán a autorización no concello para abrir a escola infantil.

Dende a Vicepresidencia sinalaron que esta situación demostra que o respecto institucional e a colaboración entre as administracións "son a única maneira de que as cousas funcionen e de que se solucionen os problemas".

A Vicepresidencia da Xunta salientou que as súas prioridades son o respecto á legalidade e á seguridade dos seus centros. Do mesmo xeito, aseguraron que desde este departamento estase aplicando estrictamente a normativa de seguridade que "é igual para todos os concellos, sexan da cor política que sexan".

Así, todas as escolas infantís autorizadas pola Administración autonómica "cumpren escrupulosamente" a legalidade, e as que xa estaban abertas están sendo sometidas a un Plan de Inspección xa en marcha e que vai revisar o estado de 177 escolas, nas que se está obrigando á introducción de melloras para garantir a seguridade dos cativos.