Escolares de Santiago lembran aos políticos que no mundo faltan 15 millóns de docentes para acadar a educación universal

Actualizado: martes, 25 abril 2006 22:15

Rego comprometeuse a dinamizar a cesión de recursos do Concello aos países do Sur ata acadar un 8% no prazo do orzamento

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 25 Abr. (EUROPA PRESS) -

Escolares de Santiago de Compostela pediron hoxe ao tenente alcalde e concelleiro de Cultura, Néstor Rego, que se comprometa a poñer en marcha medidas urxentes para asegurar que o ensino universal sexa unha realidade no ano 2015, para o que considerann que fan falta 15 millóns máis de docentes cualificados e "ben remunerados".

Estes alumnos forman parte dos miles de escolares que participan este ano na Campaña Mundial pola Educación (CME) que, baixo o lema 'Todos os nenos e nenas necesitan profes', estanse movilizando conxuntamente en máis de 115 países. No caso de Galicia participan 21 colexios e máis de 400 nenos e nenas.

A CME destaca este ano que, para acadar unha educación de calidade para todos e todas, é imprescindible que haxa un número "suficiente" de docentes motivados, capacitados e "ben remunerados".

En moitos países o ratio estudiantes/docentes "segue sendo alarmantemente desequilibrado". En África subsahariana, por exemplo, a media é de 50 estudiantes por docente e esta cifra elévase a 69 en países como Chad. En moitos lugares do mundo o número de docentes de primaria debe aumentar nun 20% anual para que a proporción de alumnado/docente se reduza a un aceptable 40 a 1.

As condicións salariais dos docentes "tamén son alarmantes", xa que, en moitos países, o profesorado non gaña o suficiente para sair da pobreza. En Exipto un profesor de Primaria non chega a ganar tres dólares ao día e en moitos países "os seus salarios diminuíron e apenas poden vivir dignamente".

En moitos casos, tampouco recibiron a formación axeitada. O 60% do profesorado en Tanzania e o Cabo Verde só teñen completado os seus estudios primarios e en Uganda ou Togo tan só a metade teñen formación profesional específica.

COMPROMISOS E OBXECTIVOS

No ano 2000, os líderes políticos comprometéronse, tanto no Foro Mundial sobre a Educación celebrado en Dakar, como nos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM) asinados nas Nacións Unidas, a acadar a educación universal no 2015.

O primeiro dos ODM, fixado para ser cumprido en 2005 (acadar a paridade entre sexos en ensino primaria e secundaria) aínda non se acadaron 94 países e en 86 deles, coas tendencias actuais, córrese o risco de non acadar esta meta ata máis aló do 2015.

Neste senso e co fin de axudar a paliar esta situación e asegurar que todos os nenos e nenas teñan acceso á educación universal para o 2015, a CME pide aos pide aos responsables políticos asegurar que, ao menos, o 8% do total da axuda ao desenvolvemento outorgada aos países do sur se destine á educación.

Así, o tenente alcalde e concelleiro de Cultura de Santiago, Néstor Rego, comprometeuse a dinamizar a cesión de recursos do Concello aos países do Sur ata acadar un 8% no prazo do orzamento.