Escritores, pedagogos e representantes sindicais e políticos avogan pola aplicación do Plan de Normalización no ensino

Actualizado: domingo, 7 mayo 2006 16:49

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 7 May. (EUROPA PRESS) -

Escritores, pedagogos e representantes sindicais apoiaron a iniciativa da Mesa Pola Normalización Lingüística na que piden ao Goberno galego a aplicación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (Pxnlg) no ensino para o vindeiro curso 2006-2007.

Segundo recordou hoxe A Mesa, o Pxnlg aprobouse por unanimidade no Parlamento galego e recolle unha oferta educativa para Preescolar e Educación Infantil e fixa un terzo do horario semanal en galego nas devantidas etapas educativas nos eidos nos que a lingua predominante sexa o castelán.

Ademais, este plan ligüístico garante que o 50 por cento da docencia en todas as etapas de Educación Primaria, Educación Secundaria Obligatoria (ESO), bacherelatos e no ciclos formativos sexa en galego.

A Mesa lembrou que o bipartito se comprometeu "activamente" á aplicación de medidas, recollidas no Pxnlg, para a galeguización de maneira "efectiva e inmediata" do ensino. Por estes motivos, as persoas que asinaron o manifesto entenderon que a sociedade galega "non pode agardar máis" a que se cumplan estes mínimos.

INFORMACIÓN E CURSOS

Por outra banda, indicaron que esta norma "debería ir acompañada" de todo tipo de apoio e información ao profesorado, como a opción de cursos especiais a quen o precise, distribución de recursos en galego e campañas de sensibilización.

Entre os asinantes, destacan os escritores Suso de Toro, Manuel Rivas, Xosé Luis Méndez Ferrín, Alfredo Conde, Luz Pozo, Agustín Fernández Paz, Xavier Queipo, Rosa Aneiros e Yolanda Castaño; os pedagogos Antón Costa, Teresa Núñez, Lucía Iglesias, Narciso de Gabriel; e os presidentes da renovación pedagóxia Nova Escola Galega e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, Xosé Lastra e Xoán Costa, respectivamente.

Ademais, tamén suscribiron o manifesto o secretario xeral da CIG-Ensino, Anxo Louzao; varios membros do secretariado do sindicato de docentes do STEG, un membro da executiva nacional de CC OO, Tensi Álvarez; así como os profesores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Carme Hermida, Margarita Ledo, Xosé López e o decano da Facultade de Ciencias da Comunicación, Miguel Túñez.