Estatuto.- Política Lingüística demanda o coñecemento do galego coma un deber para "paliar a desigualdade" idiomática

Actualizado: martes, 18 abril 2006 21:57

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 18 Abr. (EUROPA PRESS) -

A Secretaría Xeral de Política Lingüística aboga por que o coñecemento do galego figure no novo Estatuto de Autonomía coma un deber, para así equiparar as linguas oficiais e contribuir a "paliar a situación de desigualdade" que, segundo o departamento autonómico, actualmente persiste.

Trátase dunha aposta expresada en numerosas ocasións pola secretaria xeral, Marisol López, quen traballa nesta liña e a incluiu no Programa Operativo 2006 do Plan Xeral de Normalización, deseñado co obxectivo de priorizar a tarefa normalizadora da Administración.

Na actualidade estanse a desenvolver as medidas recollidas neste paquete, presentado no Parlamento de Galicia no mes de febreiro e concebido como "un impulso e unha nova etapa" para a política lingüística desenvolvida en Galicia.

O programa prioriza neste primeiro ano de aplicación o labor normalizador do Goberno, para o que López reúnese cos responsables das distintas consellerías para recoller as súas demandas e deseñar unha estratexia que afonde na normalización lingüística da Administración.

Neste senso, prevese que antes de que remate o ano se constitúa unha Comisión Interdepartamental para os diferentes departamentos da administración se involucren na defensa e na promoción do idioma, co reto de que o proceso de normalización estea liderado polo Goberno galego no seu conxunto e permita aunar esforzos nunha mesma dirección.

OUTROS ÁMBITOS DE TRABALLO

Outro dos ámbitos é o da Xustiza, para o que a Xunta de Galicia asinou recentemente un convenio de colaboración coa Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galici (TSXG) para desenvolver actividades de normalización lingüística.

Tanto esta coma outras tarefas serán posibles grazas á "posición transversal" que mantén no Goberno a Secretaría Xeral, co propósito de actuar en todas as áreas, non so no ámbito educativo. Con todo, para Política Lingüística a educación segue a ser "un dos piares fundamentais" nos que se debe basear a normalización, sobre todo ante a perda de falantes rexistrada nos mozos nos últimos anos.

Neste campo, Política Lingüística está a desenvolver, en colaboración coa Consellería de Educación, un estudo da situación pormenorizada de cada centro de ensino, orientada a facer efectivo o cumprimento da lexislación en materia lingüística. Ademais, prestarase especial atención ás escolas infantís para, en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade, garantir os dereitos dos cativos galegofalantes nos seus primeiros anos de vida.