A Facultade de Matemáticas abre o prazo do concurso fotográfico 'Á caza da matemática' que se pechará o 2 de maio

Actualizado: miércoles, 1 marzo 2006 20:42

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 1 Mar. (EUROPA PRESS) -

'Á caza da matemática' é o lema do concurso fotográfico convocado pola Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago (USC) dirixido a todos os estudantes da institución académica, así como a persoal docente e investigador e de administración e servizos de todos os centros da institución académica compostelá. O prazo para a recepción das obras permanecerá aberto ata o 2 de maio.

As fotografías presentadas a concurso deberán estar relacionadas coas matemáticas da vida diaria, xeometría --como figuras e simetrías--, análise --límites e diverxencias--, probabilidade, estatística ou álxebra, entre outros exemplos.

Os mellores orixinais repartiranse tres premios; un primeiro dotado con 300 euros en libros, un segundo con 150 euros, e o terceiro a outorgar entre as fotografías presentadas polos alumnos da Facultade de Matemáticas e os licenciados da USC nesta disciplina, con similar dotación ao segundo.

Os orixinais deberán presentarse en formato papel de tamaño 20x25 ou 30x40, en cor ou branco e negro, montados sobre cartulina ou cartón pluma indicando no reverso o título da obra. As fotografías, unicamente unha por participante, non poderán estar retocadas nin ser obtidas empregando filtros fotográficos.

Os concursantes adxuntarán en sobre pechado un folio co seu nome e datos de contacto xunto cunha fotocopia do seu DNI. A documentación incluirá tamén o nome do centro no que estuda ou traballa, e unha fotocopia dalgún documento que acredite a súa relación coa Universidade de Santiago.

O xurado, que emitirá o seu dictame o 15 de maio de 2006, estará composto por profesorado, alumnado e persoal de administración e servizos da Facultade de Matemáticas que non sexan participantes no concurso.