Falece o presidente da Aula Castelao de Filosofía, o catedrático Fernando Pérez

Actualizado: lunes, 19 junio 2006 21:06

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 19 Jun. (EUROPA PRESS) -

A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, expresou hoxe a súa dor e a do seu departamento pola morte do catedrático Fernando Pérez, o actual presidente da Aula Castelao de Filosofía, un dos colectivos culturais "máis dinámicos" do país.

Fernando Pérez, que faleceu esta madrugada, substituíra en abril de 2005 a Carme Adán á fronte da presidencia da Aula. Era catedrático de Filosofía do IES Torrente Ballester de Pontevedra e un dos membros fundadores da Aula, na que veu traballando desde a súa creación hai xa case un cuarto de século.

Precisamente este ano a Aula Castelao foi galardoada co 'Pedrón de Ouro' por converterse no decorrer destes anos nun foro de análise interdisciplinar que achegou ao debate intelectual en Galicia a tradución ás ideas dos problemas "máis vivos, prementes e acuciantes da época e desde o país", lembrou Cultura.

Este "importante" labor desenvolveuse fundamentalmente na Semana Galega de Filosofía, que se vén celebrando desde hai 23 anos en Pontevedra e por onde pasaron os máis importantes pensadores críticos de todo o mundo.

A traxectoria de Fernando Pérez, ligado desde sempre ao galeguismo e á esquerda, explicita un "forte compromiso" co seu país e coa xustiza en todo o mundo. Así, a Consellería de Cultura e Deporte únese ás condolencias a súa familia e os seus compañeiros e compañeiras da Aula Castelao.