Fernando Pérez-Barreiro e Iolanda Galanes recibieron en Cambados o Premio de Tradución Plácido Castro

Actualizado: sábado, 28 enero 2006 19:23

CAMBADOS (PONTEVEDRA), 28 Ene. (EUROPA PRESS) -

Fernando Pérez-Barreiro Nolla e Iolanda Galanes Santos recolleron hoxe en Cambados (Pontevedra) o Premio de Tradución Plácido Castro que, na súa quinta edición, que foi concedido ex aequo a dúas obras singulares.

A primeira, un Breviario do pensamento chinés, e a segunda, unha obra de pensamento científico, A herdanza dos caracteres adquiridos, de Michel Delsol, que contou tamén coa colaboración tradutora de Marta Panero Louzán.

O acto, ao que asistiron os dous galardoados mencionados, tamén contou coa presenza de Xoán Garrido Vilariño e o pai de Moncho Iglesias Míguez. Ambos recolleron as distincións de finalistas. O xurado destacou especialmente a importancia da tradución do hebreo, realizada por Moncho Míguez, actualmente profesor na Universidade de Belén, en Palestina.

Nesta quinta edición do Premio de Tradución Plácido Castro destaca, pois, a incorporación novedosa de dúas traducións que non son habituais no sistema literario galego (chinés e hebreo), así como tamén a obra científica, ampliando os horizontes da tradución galega, tradicionalmente situados no eido literario.

O presidente do xurado desta edición, o académico Francisco Fernández Rei, salientou a importancia da tradución para a boa saúde do sistema literario galego; e Xosé María Gómez Clemente, presidente da Asociación de Tradutores Galegos, a significación da incorporación ao galego das obras do pensamento científico universal.

Susi Castro, presidenta da Fundación que leva o nome do seu pai, agradeceu o apoio de persoas e institucións a esta iniciativa e fixo votos para que a tradución incremente a sensibilidade universalista dos galegos. O acto foi clausurado por Rosa Oubiña, en representación do Concello de Cambados.