A filla da vítima de Cabana pide "pena máxima" e lembra: "Ata para matarte o tiveron que facer por detrás"

Publicado: miércoles, 22 agosto 2018 15:20

   Reclama que a súa nai sexa "un exemplo" para que as mulleres vítimas "entendan que hai que actuar xa" e clama "tolerancia cero"

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 22 Ago. (EUROPA PRESS) -

   A filla da muller asasinada presuntamente polo seu marido en Cabana de Bergantiños (A Coruña) publicou este mércores unha carta nas redes sociais na que, dirixíndose á súa nai, pide a "pena máxima" polo crime e lembra a súa fortaleza: "Forte eras, iso ninguén o pode negar, que até para matarte o tivéron que facer por detrás".

   "Imaxínome que coa firmeza dos teus ollos, o pulso tremeríalle demasiado como para empuñar unha arma", escribe a nova, que pide "pena máxima" despois do crime, porque "ninguén, nin sequera un pai, ten o dereito de quitarme o que máis quería no mundo, o que máis necesitaba".

   Así, a filla da muller asasinada lembra que nela vía "a unha nai e a unha gran amiga", a súa "confidente", e agradécelle ser o seu "claro exemplo a seguir". "Pero o teu gran defecto foi fiarte de quen non debías e ti sabíalo. Vinte caer e levantarte en situacións nas que outros non podían", sinala, despois do que engade que o pasado domingo, após recibir tres disparos perpetrados supostamente polo seu marido, "foi a única vez que non te vin levantarte".

   "Que ironía, as veces que che gritaba polo moito que fumabas, e ao final o cancro tíñalo na cama e non nos pulmóns", continúa a misiva.

UN EXEMPLO CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

   Na súa carta, a filla da vítima pídelle simbólicamente que se converta "nun exemplo tamén para toda España, para todo o mundo, para todas as mulleres".

   "Porque me nego a que todo isto pase en balde, necesito que non sexas unha máis, se non que sexas ELA, a que conciencie, a que quite vendas, a que motive, a que faga entender que hai que actuar XA, porque o que hoxe é unha ameaza sen credibilidade, mañá é unha noticia detrás dunha pantalla", indica a moza, que pide "tolerancia cero" e di ás mulleres vítimas: "Esperta, móveche!".

   "Belén, ti fuches vítima do teu propio marido e agora tócache dicirlles a todas as que o necesiten que teñen que actuar por e para elas, e non só facer o que todo o mundo espera que fagan", engade a filla da asasinada, que lembra que "non hai unha lei que prohiba buscar a túa propia felicidade". "Ti sabías onde estaba a túa, pero esperaches demasiado a ir buscala", destaca, para finalizar a carta agradecendo o seu papel de nai.