A Fundación CEER e o Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular realizarán o Anuario Estatístico Cartográfico

Actualizado: viernes, 28 julio 2006 20:26

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 28 Jul. (EUROPA PRESS) -

A Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (CEER) e o Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular colaborarán na realización dun Anuario Estatístico Cartográfico que servirá para recoller as tendencias que se producen no territorio no ámbito da poboación, a xestión dos recursos ambientais ou no das políticas de cohesión social.

A realización deste anuario, para o que ambas entidades asinaron un convenio de colaboración, permitirá desenvolver un proxecto estratéxico de longo alcance onde se planifique a cartografía territorial para todo o conxunto delimitado polas competencias que teñen as institucións implicadas.

Ademais, a iniciativa facilitará o traballo de divulgación entre a cidadanía dunha cultura territorial que lle permita acceder ás fontes de información cartográficas e estatísticas dunha maneira sintética e que se relacione coas súas preocupacións diarias.

Este anuario, a desenvolver no prazo dun ano, será realizado por un equipo de profesionais baixo a coordinación científica dos profesores Xosé Manuel Souto González, Gonzalo Méndez Martínez, da Universidade de Vigo, e de Alberto Rio Fernández, da Universidade de Porto.

En opinión dos responsables do proxecto, a creación dun anuario destas características tratará de ofrecer unha información "axeitada a algunas das preguntas e interrogantes que se poden facer os cidadáns sobre o territorio". Cuestións que, precisaron, "conducen cara a unha actitude de curiosidade e busca de informacións para tratar de dar resposta e solucións aos problemas formulados".

A Fundación CEER e o Eixo Atlántico entenden que un proxecto desta envergadura deberá respostar ás inquedanzas dunha "cidadanía activa", tal como se recolle na Constitución Europea, e que ao mesmo tempo "sexa fiable para obter respostas ante os desequilibrios que continuamente se producen nas relacións entre o ser humano e o ambiente".