A Fundación Otero Pedrayo homenaxeará o domingo ao grupo Milladoiro pola súa traxectoria

Actualizado: viernes, 23 junio 2006 20:03

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 23 Jun. (EUROPA PRESS) -

A Fundación Otero Pedrayo celebrará dentro de dous días, como cada último domingo do mes de xuño doutros anos, a Festa Literaria de Trasalba, que nesta edición homenaxeará o domingo ao grupo Milladoiro pola súa traxectoria.

Nesta edición, a devandita fundación concédelle a Milladoiro o "Premio Trasalba 2006" en recoñecemento a súa traxectoria músical e a súa aportación á renovación e modernización da música galega. Pola súa banda, o grupo ten preparada para a ocasión unha peza especial que leva por título 'Trasalba' e que estreará este domingo, o mesmo día da entrega do galardón. Trátase dunha peza en honor de Don Ramón Otero Pedrayo e da súa casa de Amoeiro que tantas veces foi un espazo de cultura, intercambio e comunicación.

Durante o acto literario, que dará comezo ás 13.30 horas en Trasalba, presentarase o libro 'Milladoiro. A Galicia de Maeloc', unha fotobiografía do grupo que leva unha introducción e entrevista de Marcos Pérez Pena e un epílogo de Manuel Bragado, que será o encargado de facer a laudatio aos homenaxeados no XXIV Premio Trasalba.

No mesmo acto e da man de Xesús Alonso Montero tamén se presentará o libro 'Laio polo gran ausente. Enfermidade, morte e honras póstumas de Castelao no epistolario de Otero Pedrayo e outras voces', editado por Galaxia. Neste libro, do que é autor o própio Alonso Montero, recóllese a correspondencia que xenerou a enfermidade de Castelao no mundo da cultura e o galeguismo, entre os anos 1949 e 1950.