A Fundación Valle Inclán entrega os premios do certame de poesía, narrativa e teatro a escolares galegos

Actualizado: martes, 31 enero 2006 20:26

PONTEVEDRA 31, (EUROPA PRESS)

A Fundación Valle-Inclán celebrou no Teatro Principal de Pontevedra o acto de entrega dos premios escolares de creación poética, narrativa e teatro, dotados de 1.500 euros, 3.000 e 6.000 euros, respectivamente. Alicia Fernández Rodríguez, de O Saviñao (Lugo), Marta Gago Pesado, de Vilagarcía (Pontevedra) e Isabel Gonzalo Pita, de Sanxenxo (Pontevedra), foron as galardoadas, por esa orde, nas tres categorías.

Acudiu ao acto o escritor Suso de Toro, que nos momentos previos á celebración Sinalou en declaracións aos medios que os premios literarios na actualidade "abren novas expectativas" aos aspirantes a escritores, aos que lles recomendou "ser ambiciosos, loitar por expresar o que se leva dentro sen cegarse co éxito posible".

O propio Suso de Toro lembrau que aos 16 anos obtivo un premio de narrativa que levaba o nome de Valle Inclán. O escritor galego considerou que "á persoa que empeza si que lle anima" obter un premio polo seu traballo literario, o que non determina unha futura dedicación profesional á literatura, para o que Suso de Toro cre que fai falla "talento, vocación e constancia".

Á entrega dos premios tamén asistiron, entre outros, o Director Xeral de Creación e Difusión Cultural, Luis Bará, o alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, e o presidente da Fundación Valle-Inclán, Xerardo Fernández Albor.