Galicia estará representada por primeira vez nun mercado internacional de documentais no certame da Rochelle (Francia)

Actualizado: lunes, 26 junio 2006 22:58

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 26 Jun. (EUROPA PRESS) -

O Consorcio Audiovisual de Galicia, baixo a marca Galicia Film Commission, acode por primeira vez con 'stand' propio a un mercado internacional do xénero documental coa súa participación no Sunny Side of the Doc, que terá lugar na cidade francesa de La Rochelle entre o 27 e o 30 de xuño.

O obxectivo deste departamento é continuar coa liña de promoción dos documentais galegos, polo que o xénero documental de Galicia contará cun 'stand' que estará integrado no espazo chamado "European Spot", con outras delegacións como Catalan Films & TV, Niniak do País Vasco e PromoMadrid.

O Sunny Side of the Doc é un dos mercados de documentais máis importantes de Europa, no que se facilita o encontro entre compradores, produtores, periodistas e profesionais de todo o mundo. Para esta edición xa están confirmados como asistentes máis de 370 profesionais e unhas 1.800 compañías de todo o mundo.

O principal obxectivo do Consorcio Audiovisual de Galicia no Sunny Side é actuar como apoio ás compañías que asisten ao mercado, Ficción Producciones e Isabella Audiovisual, habilitando unha infraestrutura adecuada que facilite o encontro entre profesionais e a presentación de proxectos realizados en Galicia. E, ao mesmo tempo, a través de Galicia Film Commission, potenciarase a imaxe da comunidade como centro de produción audiovisual.

A asistencia ao Sunny Side permitirá entrar en contacto aos profesionais galegos cos principais axentes do panorama internacional, compradores, axentes de ventas e coprodutores, que poderán coñecer dun modo directo a ampla oferta de contidos producidos en Galicia, así como sentar as bases de posibles relacións de coprodución que facilite a realización de proxectos conxuntos.