O grupo folk inglés 'Waterson Carthy' actuará mañá en Santiago

Actualizado: domingo, 19 febrero 2006 17:02

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 19 Feb. (EUROPA PRESS) -

O grupo folk inglés 'Waterson Carthy' actúa mañá no Teatro Principal de Santiago de Compostela dentro da programación que ofrece este mes a Concellería de Cultura. Por 12 euros, os asistentes ao concerto coñecerán o último traballo de 'Waterson Carthy', titulado 'Fishes and Fine Yellow Sand', unha ecléctica selección de material inspirado en varias fontes.

Este traballo homenaxea a quen naceu baixo 'mala estrela' cunha canción que conmemora a Napoleón Bonaparte e outra canción inglesa ('Green Broom') que foi rescatada do repertorio dun artista de fala irlandesa.

Durante máis de trinta años Norma Waterson e Martin Carthy estiveron á cabeza da escea folk inglesa. Xunto á súa filla, a cantante e violinista Eliza Carthy, e o músico de melodeón Tim Van Eyken, forman unha das bandas máis exitosas e influíntes do folk británico.

A carreira de Martin Carthy xa foi premiada coa medalla MBE (Member of the Order of the British Empire) e varios premios musicais da BBC Radio 2 que inclúen o de Mellor Cantante Folk do Ano e Mellor Canción Tradicional, recibidos en febreiro de 2005. É unha das figuras máis queridas e respectadas no folk británico, e receentemente protagonizou un documental da BBC.

Norma Waterson, tamén premiada coa medalla MBE pola súa dedicación á música, e tamén merecedora de dous premios da BBC Radio 2, é unha das mellores e máis emotivas cantantes do país. Candidata a dous premios Mercury e gañadora de tres da BBC Radio 2, Eliza Carthy guía a avangarda de novos talentos ingleses.