Investigadores da USC participan en 2 dos 16 proxectos estatais financiados polo programa Cénit de investigación técnica

Actualizado: miércoles, 26 abril 2006 21:42

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 26 Abr. (EUROPA PRESS) -

Investigadores da Universidade de Santiago (USC) participan en dous dos 16 proxectos estatais que acadaron financiamento do programa de Consorcios Estratéxicos Nacionais en Investigación Técnica (Cénit) do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio.

Este programa se articula como un instrumento "clave" dentro do programa 'Ingenio 2010' e "constitúe unha aposta decidida por potenciar a colaboración pública-privada para o desenvolvemento de proxectos moi innovadores que representen rupturas tecnolóxicas".

Nesta primeira convocatoria de Cénit financiáronse 16 proxectos elixidos de entre un total de 53 presentados, cun importe total de 200 millóns de euros. Os seleccionados están relacionados coas áreas de biomedicina, tecnoloxías da información e das comunicacións, medio ambiente, enerxía, tecnoloxías da produción, transporte, materiais, agroalimentación e seguridade.

Os proxectos da USC que se atopan involucrados nos proxectos financiados, en calidade de organismos subcontratados, son o 'Genius Pharma', no que participa o grupo da profesora de Farmacoloxía Mabel Loza e o proxecto 'Nanofarma' no que participa María José Alonso.

DOUS GRUPOS

O grupo que lidera a profesora da USC María José Alonso, en colaboración co que dirixen os tamén profesores Ricardo Riguera e José María Guisán, do CSIC, será o responsable do proxecto 'Deseño de nanopartículas funcionalizadas destinadas á liberación de fármacos antitumorais'. Esta liña de investigación enmárcase nun macroproxecto impulsado polo Consorcio Nanofarma, que promove a empresa Pharma Mar, para o deseño e desenvolvemento de novos sistemas de liberación de fármacos adecuados para a vía oral e parenteral.

Con esta liña de traballo avanzarase no deseño e desenvolvemento de nanoestruturas --un nanómetro é a millonésima parte dun milímetro-- capaces de aloxar no seu interior fármacos antitumorais e de liberalos dun modo controlado nas células diana. Estas estruturas estarán formadas de materiais inocuos e biocompatibles elaboradas mediante nanotecnoloxías.

Pola súa banda, o equipo da profesora do Departamento de Farmacoloxía Mabel Loza participa no proxecto 'Genius Pharma', impulsado por un consorcio no que se atopan implicadas as empresas farmacéuticas Almirall, Esteve, Uriach, Crystax, Enantia e GalChimia, esta última xurdida no seo da USC ao abeiro do programa Uniemprende.

Este segundo proxecto ten como obxectivo desenvolver, consolidar e explotar no ámbito estatal plataformas tecnolóxicas e "boas prácticas" no proceso de descubrimento de medicamentos "innovadores". Este proceso abarca dende as etapas de identificación de dianas terapéuticas ata a identificación de compostos candidatos a desenvolvemento preclínico. O proxecto pretende o deseño de "sistemas axeitados" de xestión do coñecemento para poder chegar a conclusións que favorezan o progreso neste eido.

A convocatoria Cénit ten como obxectivo fomentar a cooperación pública-privada en materia de I+D+i, para o que nos proxectos financiados se espera a colaboración de 175 empresas con máis de 200 grupos de investigación que representan a preto de 800 investigadores. A colaboración entre as empresas e os grupos quedará garantizada a través da involucración destes últimos baixo a modalidade da subcontratación.