Juan Casares aposta pola reforma da docencia para a converxencia europea da USC con "criterios innovadores"

Actualizado: lunes, 24 abril 2006 20:22

O candidato independente a reitor defende un "sólido compromiso" coa universidade pública como prestadora dun "servizo esencial"

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 24 Abr. (EUROPA PRESS) -

O candidato independente a reitor da Universidade de Santiago (USC) Juan Casares avoga pola reforma da docencia co fin de que a institución académica se integre "progresivamente" no Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), empregando "criterios innovadores", valorando de "forma realista" os custos asociados e procurando os recursos precisos.

Así o recolle o seu programa electoral, presentado hoxe, para acadar os máximos apoios nos comicios que se celebrarán o vindeiro 10 de maio, e no que destaca un "sólido compromiso" coa universidade pública, en canto prestadora dun "servizoe sencial" para a sociedade.

Casares promove una "proposta universitaria, independente e profesional" que ofreza transparencia na xestión e garanta a igualdade de oportunidades a todos. Ademais, aposta por un equilibrio entre o campus de Lugo e o de Santiago, así como o recoñecemento da contribución de todas as persoas que integran a comunidade universitaria, desde o convencemento de que "todos son necesarios para afrontar os problemas reais da sociedade".

O candidato que lle disputará ao actual reitor da USC o posto considera que a institución "debe afrontar os retos que presenta a sociedade do século XXI sen perder a condición de universidade de referencia e, sobre todo, a de pública".

Asemade, pretende que a xestión universitaria "sexa feita por e para universitarios", sen que a "mal" denominada "política universitaria" se limite a ser un "mero traslado, mal feito, da política xeral". Esto supón, segundo explicou, o "pleno" respecto aos dereitos individuais e á liberdade institucional, o que esixe saber escoitar, respectar a discrepancia e non deformar a realidade, fuxindo de falsas expectativas.

INVESTIGACIÓN

A investigación destaca tamén no programa como o fundamento da docencia: "é a canle para o progreso da comunidade e o soporteda transferencia social do coñecemento, constituíndo un dos alicerces básicos da universidade ao servizo dos cidadáns".

Por iso, considera "unha obriga" desenvolver unha investigación "de excelencia" para contribuír ao avance do coñecemento, da innovación e da mellora da calidade de vida dos cidadáns, así como á captación de estudantes, todo iso no futuro marco do Espazo de Investigación Europeo.

Para acadar estes fins cómpre, segundo o programa do candidato independente, "estimular e conseguir a implicación dos investigadores", facendo que "sexan de novo os protagonistas da Vicerreitoría de Investigación".