Letras Galegas.- A Fundación Eugenio Ganell organiza un maratón de lectura da obra de Manuel Lugrís

Actualizado: lunes, 15 mayo 2006 22:07

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 15 May. (EUROPA PRESS) -

A Fundación Eugenio Granell acollerá o vindeiro xoves un maratón de lectura ininterrompido da obra do escritor Manuel Lugrís Freire entre as 10.00 e as 20.30 horas, con que pretende homenaxear ao protagonista do Día das Letras Galegas, ao que o propio Eugenio Granell coñeceu persoalmente.

Manuel Lugrís Freire (1863-1940) é recoñecido pola súa obra teatral e poética e por ser un dos máis importantes galeguistas do seu tempo, no que foi co-fundador da Academia Galega, que este ano celebra o seu centenario, e participou en varias actividades da política en favor de Galicia.

A Fundación Granell realiza tódolos anos este maratón de lectura como unha actividade xa consolidada dentro do seu programa cultural e no que calquera que queira colaborar coa Fundación poida facelo abertamente. Este ano contará coa presenza de persoeiros do mundo da política, coma Xosé Manuel Beiras, Néstor Rego ou Mercedes Rosón; da interpretación coma Mela Casal ou Antonio Durán "Morris"; representantes do mundo literario, coma Camilo Franco e a Asociación de Escritores en Lingua Galega; e xornalistas.

De igual xeito, estarán representadas todo tipo de asociacións composteláns e persoas de todas as idades que a título individual colaboran no maratón de lectura. A Fundación realiza estas actividades literarias polo peso que tivo a literatura na vida de Eugenio Granell, tanto coma creador como amigo de grandes escritores.

O mesmo día 18 celébrase tamén o Día Internacional dos Museos, do que o maratón de lectura vai formar parte. Na vindeira semana, os actos se completarán cunhas xornadas de portas abertas ao público en xeral nas que os visitantes poderán achegarse de balde ás exposicións, así como ó funcionamento dos diferentes departamentos que conforman a institución da man dos seus propios responsables.