Losada destaca coma un "obxectivo irrenunciable" da Xunta a promoción do galego e o seu "respecto" en todo el mundo

Actualizado: martes, 25 abril 2006 22:03

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 25 Abr. (EUROPA PRESS) -

O secretario xeral e de Relacións Institucionais da Vicepresidencia da Xunta, Antón Losada, sinalou hoxe que a promoción do galego e traballar para que sexa respectado en todo o mundo é un "obxectivo irrenunciable" para o Goberno galego e apostou pola transversalidade na difusión da língua e as interrelacións cos territorios do sistema lingüístico galego-portugués.

Na súa intervención na presentación da Fundación Vía Galego xunto coa Mesa pola Normalización Lingüística, Losada destacou o "importante papel" ao que está chamada esta asociación, que ten entre as súas atribucións a procura e o impulso de iniciativas innovadoras sobre normalización lingüística e canles de comunicación con outros territorios pertencentes ao sistema lingüístico galego-portugués.

O secretario xeral da Vicepresidencia falou, ademais, do papel central que a Fundación Vía Galego terá na chamada "circulación cultural" con outros territorios pertencentes ao sistema lingüístico galego-portugués. Losada destacou a "alarmante carencia" de relacións culturais de Galicia con outros países deste sistema lingüístico, unha situación que, segundo dixo, "non variou nada nas últimas décadas" e que se atopa, "agora mesmo, superada" pola interrelación existente no mundo empresarial.

Así, sinalou que o intercambio comercial entre Galicia e Portugal se multiplicou por 200 nos últimos 20 anos, algo que é "un paradoxo" nun país cunha cultura debilitada. Por iso, postou por que a transversalidade en temas linguísticos se implante en todas e cada unha das accións dos distintos departamentos do Goberno galego.

A Fundación Vía Galego pretende ademais, segundo sinalou o secretario xeral, unir esforzos actualmente dispersos en materia de influencia, comunicación e suxestión tanto nas relacións cos países de lingua portuguesa coma na práctica normalizadora.

Este proxecto, segundo Losada, non pretende continuar ou reabrir o debate normativo en torno ao galego, senón que quere romper a situación de "costas viradas" coas culturas máis próximas, comezando pola portuguesa. Neste camiño, Losada destacou que a Fundación está a recibir xa os apoios e o interese de moitas empresas e institucións, algo que supón sen dúbida un paso adiante de cara aos futuros proxectos que esta Fundación vai encetar.