Marica Campo recollerá mañá o 'Premio Arume' de poesía para nenos convocado pola Fundación Xosé Neira Vilas

Actualizado: sábado, 7 enero 2006 18:23

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 7 Ene. (EUROPA PRESS) -

A autora lucense Marica Campo recollerá mañá en Gres, no término municipal de Vila de Cruces (Pontevedra), o 'Premio Arume' de poesía para nenos que outorga a Fundación Xosé Neira Vilas e que este ano chega a súa terceira edición.

O acto de entrega do galardón será presidido polo director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luis Bará Torres, e terá lugar mañá domingo ás 17.00 horas na sede da Fundación.

A obra vencedora do certame, 'Abracadabras', impuxose aos outros 24 orixinais chegados desde toda Galicia pola súa "tenrura, riqueza léxica" e polo "depurado" oficio poético de Marica Campo, segundo indicou a organización nun comunicado de prensa.

O premio do certame consiste na publicación do poemario por parte da empresa editora Edicións do Castro, ademais da entrega de 600 euros á gañadora.

Marica Campo, nada en Val do Mao, Incio (Lugo) en 1948, é autora de poesía, de relatos, de obras teatrais e mesmo dun libreto dun musical operístico. Ademáis, 'Memoria para Xoana' foi a súa primeira novela, coa que gañou o Premio de Narrativa do Concello de Vilalba no ano 2001.