A Mesa inicia unha campaña para que as compañías aéreas ofrezan os contidos das súas webs en galego

Actualizado: viernes, 7 julio 2006 20:21

VIGO, 7 Jul. (EUROPA PRESS) -

A Mesa pola Normalización Lingüística presentou hoxe en Vigo una campaña en colaboración coa Ciberirmandade, que ten como obxectivo que as grandes compañías aéreas e as axencias de viaxes "galeguicen" as súas páxinas de Internet, ofrecendo os seus contidos tamén en lingua galega.

A representante da Mesa, Iria Taibo, explicou que "ningunha das empresas" que teñen servizos a través da rede recollen a posibilidade de usar o galego, mentres que algunhas só chegan a da-la opción do catalán ou o euskera. Ademáis, denunciou que nestas páxinas tamén se emprega "toponimia deturpada", como é o caso de 'La Coruña'.

Pola súa banda, o representante da Ciberirmandade, Alexandre Prieto, explicou que a campaña emprendida por ámbalas dúas organizacións "non pretende ser un bombardeo nin colapsa-lo servidor destas empresas", senón que se trata de facer un chamamento ós usuarios para que, por iniciativa propia, contacten con estas compañías para solicita-los seus servizos en galego.

A Mesa e a Ciberirmandade expresaron o seu convencemento de que a campaña poder ser un éxito, tendo en conta o ocorrido con outras iniciativas que xa obtiveron algún resultado, como a campaña para reclamarlles ós bancos e caixas o uso do galego na documentación que lles remiten ós clientes.