A Mesa Negociadora do Convenio para o PAS laboral da USC acada un acordo que pecha as reclamacións económicas ata 2006

Actualizado: lunes, 17 abril 2006 22:10

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 17 Abr. (EUROPA PRESS) -

A Mesa Negociadora do Convenio Colectivo para o PAS laboral, na que están representadas a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e as centrais sindicais CIG, CCOO e UGT, acadou un acordo que pecha as reclamacións económicas para o período 2002-2006.

O citado acordo era reclamado pola parte social como condición previa para abordar a negociación do novo convenio que substituirá o denunciado en decembro de 2004.

Deste xeito, fíxase a contía e distribución dos fondos de calidade para a mellora e modernización dos servizos públicos establecidos polas Leis de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia de 2002, 2004 e 2005. Os fondos establecidos para o ano 2003 serán repartidos linealmente, así como as súas derivas, consolidándose a partir de xaneiro do 2007.

No referente aos fondos correspondentes aos anos 2005 e 2006, establécese a súa contía global dispoñendo que pasen a incrementar a masa salarial para a negociación do convenio futuro, recolléndose o compromiso de actualización desta masa a 31 de decembro de 2006. As derivas correspondentes a estes anos constituirán un fondo cuxa distribución será acordada no marco da negociación do novo convenio.

O acordo, alcanzado a pasada semana segundo informaron hoxe fontes da USC, tamén aborda a reclamación sobre a disposición adicional 3ª do convenio colectivo denunciado, relativa á avaliación da calidade para o período 2002-06 establecendo un plus de productividade para eses anos.

Estas disposicións pechan as reclamacións formuladas para o período 2002-06, razón pola que o acordo dispón que os efectos económicos do convenio colectivo que negociará a mesa "non serán anteriores a 1 de xaneiro de 2007".