O Museo das Peregrinacións acolle unha exposición fotográfica sobre tradicións relixiosas no Tíbet

Actualizado: jueves, 16 marzo 2006 21:18

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 16 Mar. (EUROPA PRESS) -

O fotógrafo Christoph Lingg e a escritora Susanne Schaber retrataron coa imaxe e coa palabra a peregrinación relixiosa a través dos cumios e dos desfiladeiros do Himalaia. As imaxes e os textos de "Kailasa, unha peregrinación ao corazón do Tíbet" poderanse ver no Museo das Peregrinacións nunha exposición que se inaugurará mañá ás 20 horas e que permanecerá aberta ata o 18 de xuño.

A mostra é iniciativa das Consellerías de Cultura e Deporte e de Innovación e de Industria e conta coa colaboración da Embaixada de Austria en España, posto que os autores son de nacionalidade austríaca. Tanto Lingg como Schaber asistirán mañá á acto de inauguración. A exposición forma parte do programa "Peregrinacións do mundo" que leva a cabo o Museo das Peregrinacións para amosar a riqueza deste fenómeno relixioso e cultural.

O monte Kailasa, situado a 6.714 metros de altitude no Tíbet, é un lugar sagrado para budhistas, hinduístas e para os membros da relixión Bon. A peregrinación transcorre 52 quilómetros de desfiladeiros e de camiños nos que se asentan mosteiros perfectamente mimetizados coa paisaxe. Destaca o "Drolma La", un desfiladeiro de 5.636 metros dedicado a Drolma, a deusa compasiva. Polo impresionante desnivel que culmina no alto, lanzan ao vento estampas do cabalo da felicidade. Grazas á peregrinación, os fieis consideran que redimen as súas culpas e renacen a unha vida nova.