Nota de sustitución a la información: 'O certame Gzcrea premiará con 30.000 euros ós mellores traballos artísticos...'

Actualizado: lunes, 19 junio 2006 20:46

Por un error de la fuente informante, rogamos sustituyan esta información por la que sigue. Es todo. Disculpen las molestias

O certame Gzcrea premiará con 300.000 euros ós mellores traballos artísticos de mozos galegos en 12 modalidades distintas

O concurso incorpora disciplinas coma a gastronomía ou o graffiti e pretende ter repercusión no mundo empresarial e normalizar o galego

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 19 Jun. (EUROPA PRESS) -

Os mozos galegos, de entre 16 e 30 anos que queiran amosar as súas habilidades artísticas xa se poden inscribir, ata o vindeiro 15 de setembro, no certame galego de creadores novos 'GZCREA 2006', que premiará con 300.000 euros ás mellores obras en 12 modalidades diferentes, nas que se inclúen linguaxes contemporáneas, coma o graffiti ou os carteis, ó lado de disciplinas clásicas, coma a música ou a literatura.

Trátase dunha iniciativa promovida pola Xunta e que está aberta a tódolos mozos non profesionais, é dicir, a aqueles que non teñan unha relación contractual con algunha empresa nin estean dados de alta como autónomos. Cada un deles poderá presentar unha obra por modalidade, en cada unha das cales se recoñecerán os tres mellores traballos con 3.000 euros, 1.500 e 1.000 euros respectivamente.

Así, o conselleiro de Industria, Fernando Blanco, que presentou hoxe en Santiago este concurso xunto co director xeral de Xuventude, Rubén Cela, salientou que se quere conseguir que o 'GZCREA' teña repercusión no mundo da empresa e asegurou que este certame "vai conseguir" vincular os procesos creativos ás propias industrias.

Ademais, Blanco sinalou que os avances da industria, o comercio e a publicidade están "fortemente ligados á creatividade", por iso ós responsables destes sectores "interésanlle moito" as propostas que estes mozos lles poidan achegar.

BOLSAS FORMATIVAS

Neste senso destacou a moda como unha das especialidades que conseguiu que premiados de edicións anteriores accederan a bolsas formativas da man de modistos "de renome", axudas tamén previstas na edición deste ano.

Pola súa banda, Rubén Cela asegurou que o concurso "potenciará a creatividade dos novos valores e contribuirá a unha normalización dos usos do idioma". Deste xeito, indicou que o fomento da lingua galega que se vai realizar a través deste programa se refire tanto á propia elaboración das obras, como á "concienciación xeral" do carácter "polifacético" do galego.

NOVIDADES

O 'GZCREA' ten como base o certame 'Na Vangarda' que se iniciara no ano 2004, pero nesta edición ten "novos enfoques", xa que actualizouse de acordo coas novas tendencias e recolle "importantes" novidades, coma a incorporación da modalidade de gastronomía, que "contribuirá a promocionar un sector moi puxante" en Galicia, directamente relacionado coa empresa turística.

Así, O Centro Superior de Hostelería de Galicia ofrecerá asesoramento técnico aos participantes e cederán os locais onde se desenvolverá a fase final desta especialidade.