A nova directiva da Asociación Galega de Editores aposta pola "continuidade" na xestión do sector

Actualizado: lunes, 19 junio 2006 22:13

PONTEVEDRA, 19 Jun. (EUROPA PRESS) -

A Asociación Galega de Editores (AGE) conta cunha nova directiva que estará encabezada por Rodeira-Edebé e Edicións Xerais na presidencia e na vicepresidencia, respectivamente. A xestión deste novo equipo será "continuista e non rupturista", segundo o presidente entrante, Alfonso Sanmartín.

Na executiva figuran representados -ademais de Xerais, con Francisco Alonso como vicepresidente- a editorial Galaxia, na secretaría, con Pilar Sampil como voceira; e Xosé Ballesteros, de Kalandraka Editora, que ocupa o posto da tesourería. Como vocais figuran Charo Portela, de Edicións do Castro; Ana María Guerra, de Edicións Obradoiro; Mónica Nión, de Hércules Ediciones, e Telmo Eiriz, de Galinova.

Trala asemblea celebrada en Santiago, na que se presentou unha candidatura "única", o novo presidente da AGE sinalou que se trata dunha directiva na que "están tódolos ámbitos da edición galega están presentes". Tamén amosou como obxectivos "prioritarios" manter operativas as mesas de traballo, entre as que citou a mesa do libro e a da gratuidade do libro de texto.

A directiva renovada asumirá de forma "inmediata" a organización do Salón do Libro e da Industria Cultural que se celebrará en Pontevedra a finais de ano. Asemade, tamén se baralla a idea de trasladar ata Santiago de Compostela a sé da AGE, que ata a actualidade se ubica na cidade de Vigo. Alfonso Sanmartín engadiu que a finais de ano a nova directiva fará "unha avaliación da xestión" e se elaborará "unha proposta de novos obxectivos".