A ONG Amarante duplicou as vendas de comercio xusto durante o 2005 e xa conta con máis de 30 clientes maioristas

Actualizado: jueves, 26 enero 2006 20:05

PONTEVEDRA 26, (EUROPA PRESS)

A ONG Amarante incrementou as súas vendas de productos de comercio xusto nun 59 por cento durante o ano 2005, segundo o balance realizado por esta organización, que estima que os ingresos pasaron de 26.039 euros a 44.218. Nesta mellora influiron o aumento do espazo de comercialización, que xa conta con máis de 30 clientes maioristas, e a apertura dun establecemento de venda propio na cidade de Vigo.

A Comisión de Consumo Responsable desta ONG Amarante reuniuse en Pontevedra para analizar a situación do sector do comercio xusto en Galicia, valorar os avances neste campo durante o pasado ano e plantexar novas iniciativas de cara á asemblea ordinaria que Amarante celebrará o próximo día 11 de febreiro en Santiago.

Dende Amarante valórase a importancia do "asentamento" que se está a dar no comercio xusto en Galicia, o que convirte esta comunidade na terceira en maior número de tendas e espazos de comercialización estables, con máis dunha decena de localidades onde xa se pode adquirir comercio xusto ao longo do ano.

Outro dos aspectos salientados nesta análise é o descenso do peso do Nadal no conxunto das vendas, a medida que crece o espazo de comercio xusto en Amarante. Se no 2003 as vendas navideñas supuñan o 46 por centodo total, no 2004 esa porcentaxe pasou ao 43 por cento e no exercicio 2005 descendeu ata o 36 por cento. Nembargantes, as vendas do pasado Nadal subiron de 11.000 a 16.000 euros.

EXPECTATIVAS 2006

Amarante prevé alcanzar os 100.000 euros no ano 2006, baseándose no traballo de expansión, coa apertura dunha nova tenda en Santiago, a posible apertura doutro establecemento nalgunha das grandes cidades de Galicia e co programa de "vending" denominado Bó Café ao que se sumou o Fondo Galego de Cooperación Municipal, departamentos da Xunta e empresas privadas.

No campo da sensibilización e da presión sobre as empresas do téxtil, 2005 foi un ano que dende Amarante califican de "positivo", xa que o Grupo Inditex anunciou a súa incorporación a un organismo que traballa no eido da ética empresarial e Adolfo Dominguez empezou a dar os primeiros pasos nesta mesma liña. "A presión exercida dende a Campaña Roupa Limpa vaise a intensificar durante o 2006", anunciou a ONG galega, toda vez que a coordinación estatal da campaña recaerá na subdirectora de Amarante, Fernanda Couñago.