Os casos na comunidade educativa galega superan os 1.500 e pecha unha escola infantil en Trives

Estudantes de bacharelato realizan no IES Vilar Ponche de Viveiro
Estudantes de bacharelato realizan no IES Vilar Ponche de Viveiro - Carlos Castro - Europa Press - Archivo
Publicado: viernes, 15 enero 2021 16:22

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 15 Ene. (EUROPA PRESS) -

   Os casos de covid-19 na comunidade educativa galega superan xa os 1.500 após un novo incremento de case 100 positivos máis respecto das cifras do xoves. Esta situación obriga a manter en corentena 31 aulas e á clausura temporal de dúas escolas infantís.

   O último centro pechado de forma temporal após detectarse casos de coronavirus foi a Escola Infantil Unitaria de Trives --A Pobra de Trives (Ourense)--, que se suma á tamén gardaría Pequenucos de Cuntis (A Coruña), cuxo peche foi comunicado polas autoridades santiarias o pasado xoves.

   Así figura no último balance difundido pola Administración autonómica sobre o impacto da pandemia no sistema eduacativo galego, que este venres marca unha nova marca de casos de coronavirus por terceiro día consecutivo.

   Deste xeito, nestes momentos hai 1.535 positivos de covid-19 nos centros educativos galegos, 94 máis que o xoves e 502 máis que o venres da semana pasada, xornada de regreso ás aulas após as vacacións do Nadal. Así mesmo, 31 aulas atópanse en corentena, seis máis que o día anterior.

   A área da Coruña-Cee mantense como a máis afectada pola pandemia con 394 (+20) casos e, ademais, conta co centro con maior número de positivos de toda Galicia, o Liceo A Paz, onde hai 16 casos de covid-19. Na zona de influencia da cidade herculina hai 8 unidades pechadas (+1).

   Após A Coruña está o distrito sanitario de Vigo, cuxos centros educativos contabilizan 294 casos (+22) e oito aulas en corentena (+2). Tres centros comparten o maior número de casos da zona con seis: CPR Apóstol Santiago de Vigo, Plurilingüe Tebra de Tomiño e o CEIP Lope de Vega, tamén da cidade olívica.

   Santiago continúa un día máis no terceiro lugar en canto a casos de covid-19 nos seus centros educativos, que suman 271 (+9) e 4 aulas pechadas (+1), ademais da escola infantil Pequenucos de Cuntis, clausurada temporalmente. Compañía de María da capital galega é o centro máis afectado da zona con 13 casos (-1).

OURENSE, LUGO E FERROL

   Na área de Ourense soben de novo os contagios até os 199 (+12), que manteñen clausuradas 4 unidades educativas (+1) e a escola infantil de Trives. Dous centros da provincia teñen oito casos de covid-19 na súa comunidade: IES Allariz e IES Cidade de Antioquía de Xinzo de Limia.

   Pola súa banda, Pontevedra suma outros 22 novos casos que elevan o global a 152, así como 4 aulas en corentena. O IES Armanado Cotarelo de Vilagarcía é, con 7 casos, o centro máis afectado.

   Na área de Lugo, onde os positivos se elevan a 123 (+8), os centros máis afectados sitúanse no municipio de Viveiro: o IES Vilar Ponte con 11, o Covas con 9 e o IES María Sarmiento, tamén con 9.

   Finalmente, o balance de datos nos centros péchase cos centros da área de Ferrol, onde os positivos pasan o limiar da centena após sumar outros 12 nas últimas horas que elevan o total a 102 cunha unidade en corentena. O IES Concepción Arenal da cidade naval mantense como o centro que máis casos ten da área, con 10.

Leer más acerca de: