'Os Sete Magníficos máis Un' presenta mañá na Residencia Monte da Condesa en Santiago un espectáculo de clown e circo

Actualizado: lunes, 27 marzo 2006 21:21

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 27 Mar. (EUROPA PRESS) -

A compañía galega 'Os Sete Magníficos máis Un', grupo oficial do Festiclown, presentará mañá martes na Residencia Universitaria Monte da Condesa, ubicada no campus compostelano, o seu novo espectáculo 'A Cadeira Voadora', nunha actuación que terá lugar ás 22.30 horas na Sala de Usos Múltiples da residencia.

O espectáculo 'A Cadeira Voadora', sexto da carreira desta compañía, está producido, como os anteriores, polo Festival Internacional de Clown Galicia. Nesta nova produción, ademais dos elementos clown característicos de todos os seus traballos, incorpóranse outras disciplinas artísticas do mundo do circo como maxia, acrobacias ou malabares facendo desta a máis completa da súa traxectoria.

Seguindo a liña iniciada cos seus anteriores espectáculos 'Manicomio só para clowns' e 'O gordo e o calvo', en 'A Cadeira Voadora', o grupo 'Os Sete Magníficos máis Un' recuperan varias farsas clásicas do mundo do pallaso de circo, algunhas delas da familia Colombaioni, que actualizan e incorporan ao seu estilo para crear unha divertida obra cómica para todos os públicos.

A produción, que se estreou en Galicia o pasado mes de febreiro durante os actos de celebración do entroido no Concello de Boiro, representouse xa por numerosas vilas chegando ata diversas comunidades indíxenas en Chiapas (México) no marco da III Caravana de Pallasos organizada e financiada polo Festiclown no mes de setembro por aquelas terras.