O parque comarcal de bombeiros do Morrazo comezará a funcionar este verán

Actualizado: martes, 14 marzo 2006 21:49

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 14 Mar. (EUROPA PRESS) -

O parque comarcal de bombeiros do Morrazo comezará a funcionar este verán, segundo anunciou hoxe o conselleiro de Presidencia, José Luis Méndez Romeu, durante unha visita ás súas instalacións, no transcurso da cal destacou que, deste xeito, avanzarase na cobertura do territorio en Galicia para mellorar a asistencia a incendios e situacións de emerxencia.

As obras do futuro parque de bombeiros da comarca do Morrazo, que estará ubicado en Bueu, estarán rematadas nos vindeiros meses para que estas instalacións podan entrar en funcionamento de cara ao verán.

O titular de Presidencia recoñeceu que o actual sistema de cobertura en Galicia deixa moitas areas de territorio carentes dun servizo profesional. Ante esta situación, anunciou que a Xunta ten previsto completar "de aquí ás eleccións municipais de 2007" a rede de parques comarcais e por en funcionamento unha nova estrutura para reforzar a profesionalización do meirande número de efectivos posibles.

Co obxectivo de situar a Galicia á altura das medias do Estado, Méndez Romeu explicou que a Xunta está a manter conversas cos concellos e consorcios comarcais afectados e tamén coas grandes cidades que vexan afectada a comarcalización dos seus servizos.

Por otra banda, o titular de Presidencia afirmou que as súas previsións son que para o verán se leve ao Parlamento a Lei de Emerxencias que marcará "claramente" as obrigas de cada administración pública e definirá o mecanismo de financiamento establecendo "qué porcentaxe lle corresponde aos concellos, en qué medida deben participar as deputacións e en qué medida debe participar a Xunta de Galicia".

Ao respecto, indicou que a situación actual en Galicia ten "unha relativa disparidade con situacións de agravio comparativo que dificultan establecer acordos de comarcalización" polo que, de non solucionarse estes conflitos nas vindeiras semanas, deberá ser a lei galega a que os resolva.