Política Lingüística creará dous novos lectorados en Gales e Escocia e aumentará as bolsas un 2% en 2007

Actualizado: jueves, 3 agosto 2006 21:33

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 3 Ago. (EUROPA PRESS) -

A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, anunciou hoxe a creación de dous novos lectorados, en Bangor (Gales) e Stirling (Escocia), durante unha reunión que mantivo hoxe en Santiago con lectores de lingua e cultura galegas en universidades de España e do estranxeiro para facer repaso do curso que acaba de rematar e perfilar proxectos de futuro.

Nesta xuntanza de traballo tamén anunciou que o seu departamento prevé aplicar unha subida do 2% no importe das bolsas a partir de 2007 e precisou que se confeccionará unha carpetiña de acollida para os profesores de galego no exterior, co fin de "facilitarlles a integración no centro e no país de destino".

Durante o encontro, membros do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e da secretaría realizaron tres exposicións didácticas, nas que se expuxeron cuestións como os novos niveis de competencia en galego dentro do marco común europeo de referencia para as linguas. Tamén se abordaron os enfoques comunicativos e as súas aplicacións nas destrezas, ou o proxecto europeo de recursos para a aprendizaxe da lingua, Linguanet, que estará dispoñible a partir do vindeiro mes de setembro.

Nun comunicado, Política Lingüística sinalou que Marisol López recolleu as demandas e necesidades dos lectores e fixo un repaso das melloras acadadas nestes meses na súa situación laboral e académica. Ademáis, suliñou que, desde o último encontro cos lectores no mes de decembro, a Xunta implantou un seguro médico que "ten unha ampla cobertura" en España e que tamén garante a asistencia médica no estranxeiro en caso de urxencia.

Ademais, destacou que se regularizou o "pagamento mensual e puntual das bolsas". Marisol López está "moderadamente contenta" con estas mellores. "Temos gana de modificar máis aspectos no seu funcionamento, xa que interpretamos os lectorados como un período de formación no que os profesores teñen que estar nunhas condicións aceptables, que hai que ir mellorando progresivamente", agregou.