Política Lingüística creará unha comisión interdepartamental como motor da normalización e buscará un Pacto pola Lingua

Actualizado: viernes, 24 febrero 2006 20:29

Marisol López anuncia un decreto para regular o uso do galego na Administración autonómica

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 24 Feb. (EUROPA PRESS) -

A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, avanzou hoxe que o seu departamento afronta o 2006 como "un ano de transición" para comezar a implantar o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG), mais avanzou a execución de medidas como a creación dunha comisión interdepartamental como "motor" do desenvolvemento da normalización e o inicio de conversas para fixar un Pacto pola Lingua.

Marisol López compareceu hoxe a petición propia na Comisión de Educación e Cultura da Cámara galega, donde explicou o Programa Operativo do PXNLG para 2006, co que pretende "marcar pautas" e "sentar as bases" para o desenvolvemento das políticas de normalización lingüistica "que terán visibilidade nos próximos anos".

Enmarcou o Programa Operativo no clima de consenso que propiciou a aprobación do PXNLG na pasada lexislatura e no interese dos dous grupos que integran o actual Goberno galego --PSdeG e BNG-- por "impulsar" o desenvolvemento deste plan. Asemade, enunciou a necesidade de facer cumprir a lexislación vixente.

Tamén indicou que se buscará o dotar a Secretaría Xeral de Política Lingüística dunha estructura axeitada para poder poñelo en marcha e afrontar "unha estratexia de participación e de corresponsabilidade" na normalización da lingua, xa que a Administración autonómica deberá liderar o proceso, pero se intentará implicar a outros axentes.

REGULAR O USO DO GALEGO NA XUNTA

Así, Marisol López enunciou como obxectivos fundamentais para este ano a creación dunha Comisión Interdepartamental coa función lograr "a implicación efectiva" dos distintos departamentos da Xunta na normalización do galego e de convertir a administración "no espello no que se mire o resto dos sectores sociais".

De feito, boa parte da intervención da secretaria xeral de Política Lingüística xirou na pretensión de poñer á Administración autonómica como "motor para convencer" sobre o emprego do galego, ainda que admitiu que "ten que intervir toda a sociedade" neste proceso. Ao respecto, algunhas das medidas anunciadas foron a proposta dun decreto que regule o uso do galego na propia Xunta e unha reflexión para definir os criterios a aplicar para fixar o uso do galego no acceso á función pública.

Pero xunto ao relevante papel a xogar pola Xunta, Marisol López tamén apuntou como outro obxectivo do Programa Operativo a desenvolver en 2006 o inicio das conversas para "poñer os alicerdes" dun Pacto pola Lingua, no que se implique ás grandes entidades e institucións "na asunción de responsabilidade e do compromiso coa lingua galega".

Vencellado a este pacto, a secretaria xeral enunciou a previsión de poder contar en 2007 cun Consello Social da Lingua Galega e dun Consorcio para a promoción da Lingua Galega, como espazos para propiciar o "diálogo" e o avance na normalización en colaboración cos axentes sociais e con outras administracións --central e local--.

MEDIDAS POR SECTORES

Outras cuestións expostas hoxe como obxectivos a desenvolver neste ano son a modificación dalgunas das accións xa en marcha para conseguir maior eficacia galeguizadora --referidas ás axudas públicas, á formación e ao servizo de asesoramento lingüística, entre outras-- e o desenvolvemento de tecnoloxias da información e da comunicación para a lingua galega --para que o galego esté "ao nivel tecnolóxico doutras linguas", apuntou López--.

A secretaria xeral de Política Lingüística engadiu que as medidas previstas desenvolveranse por sectores: Administración; Educación, familia e mocidade; Medios de Comuiación e Industrias Culturais; Economía; Sanidade; e Sociedade. Asemade, apuntou que para levar adiante estas accións, o seu departamento dispón dun orzamento total de algo máis de 21,8 millóns de euros, dos que 1,3 millóns serán para afrontar o custe de persoal e o resto para iniciar a implantación do PXNLG.

Marisol López afirmou que a implantación do PXNLG suporá "unha acción de planificación enorme con resultados previsibles moi positivos e que mudarán a situación sociolingüística de Galicia". Tamén admitiu que significará "un esforzo importante" para a limitada estructura da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Tras a intervención da responsable autonómica, os deputados que interviron como voceiros do BNG, PSdeG e PPdeG coincidiron en agradecer e salientar que Marisol López cumprise o compromiso de comparecer, de xeito voluntario, para explicar o desenvolvemento do PXNLG.

RETOS

O deputado do BNG Bieito Lobeira salientou que a secretaria xeral ten que "vencer" dous importantes retos, como son, por unha banda, "o superar a inercia de tantos e tantos anos de falta de políticas de normalización que provocou perda de falantes, e, por outra, "a necesidade da posta en marcha dunha política transversal" para avanzar nun proceso de normalización "real".

Nembargantes, "lamentou" a falta de concreción das medidas apuntadas para 2006 e que moitas sexan "analizar e estudar necesidades para executar en 2007". Saludou como "moi positivas" as accións previstas nos eidos institucionais, educativo e na administración.

De todos os xeitos, Lobeira aproveitou para recriminar a decisión da Consellería da Presidencia de "dar marcha a tras" no referente a que as probas das oposicións para Administración Autonómica estivesen enunciadas en galego. Cuestión que Marisol López atribuíu ás dúbidas sobre a legalidade da medida na situación actual.

O parlamentario do BNG tamén aludiu "aos militantes nacionalistas acusados por defender a legalidade en materia lingüística, mentras a persoa condeada sae impune". En referencia ao xuizo en A Coruña, donde varias persoas están acusados de "inxurias" ao alcalde de A Coruña, Francisco Vázquez, durante un pleno municipal no que se debatiu sobre o topónimo oficial da cidade.

PRESUPOSTO

Pola súa banda, o deputado do PSdeG Francico Cerviño interviu para confirmar o apoio do seu grupo á programación exposta e que, segundo dixo, promove "a reflexión, a redefinición e o deseño de novos intrumentos" para avanzar na normalización do galego e que responde a "algo lóxico e normal" despois de ter en Galicia un mesmo goberno durante 16 anos.

No caso do Grupo Parlamentario do PPdeG, o deputado Maximino Rodríguez lembrou que o PXNLG foi aprobado "por consenso" cando habia na Xunta un goberno popular. Asemade, lembrou a queixa lanzada por Marisol López nunha comparecencia parlamentaria anterior sobre a "insuficiencia orzamentaria" da Secretaría Xeral de Política Lingüística e preguntouse se poderán desenvolverse as medidas previstas.

Rodríguez afirmou que "a insuficiente dotación orzamentaria é tan visible que salta á vista" e apuntou que "entra en contradición co dito por un alto carto sobre que o compromiso coa lingua é irrenunciable".

Marisol López admitiu que o seu departamento ten moitos retos e que "ten que superar inercias", pero quiso difundir unha mensaxe positiva respecto aos posibles logros porque opinou que as cousas non están tan mal. Tamén dixo que lle gustaría ter máis recursos orzamentais e que os resultados fosen o máis rápidos posibles, pero insistiu en que o 2006 é un ano "de transición" no desenvolvemento das políticas lingüísticas.