O Premio Nobel de Física en 1986 visita a Universidade de Santiago o 16 e 17 de marzo para impartir unha conferencia

Actualizado: martes, 14 marzo 2006 19:50

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 14 Mar. (EUROPA PRESS) -

O científico suízo Heinrich Rohrer, Premio Nobel de Física en 1986 polo deseño do microscopio de efecto túnel, visitará a Universidade de Santiago (USC) os vindeiros días 16 e 17 de marzo para, entre outras actividades, ofrecer unha conferencia e participar nun coloquio libre con alumnos.

A visita é a primeira das actividades do programa de divulgación científica 'ConCiencia', que achegará á cidade científicos do máximo prestixio co obxecto de difundir entre a cidadanía a importancia que merece o saber científico como unha forma máis de cultura.

Heinrich Rohrer intervirá o vindeiro 16 de marzo ás 12.00 horas na Aula Magna da Facultade de Química coa conferencia 'The magic of small' na que falará dos descubrimentos máis destacados da súa traxectoria científica, centrada no ámbito da nanotecnoloxía --ciencia que traballa en escalas de millonésima de milímetro--, así como as implicacións que esta materia ten en diversos aspectos da vida. O venres 17 participará ás 12.00 horas na Aula Magna da Facultade de Física nun coloquio libre con alumnos.

Este físico, nado en Suíza en 1933, recibiu o Premio Nobel de Física en 1986 pola invención do microscopio de Efecto Túnel, que equivale para a nanotecnoloxía ao que o telescopio para a astronomía. Este aparello permite "ver" átomos individualmente, ofrecendo a posibilidade de manipulalos un a un, polo que é considerado o instrumento máis preciso para manipular a materia, permitindo a evolución da nanotecnoloxía.

A Universidade de Santiago celebrou hai 20 anos o primeiro congreso internacional sobre Microscopía de Efecto Túnel, poucos meses antes da concesión do Premio Nobel ao profesor Rohrer.

O físico suízo ten deixado sempre claro o seu posicionamento centrado no progreso da sociedade a través a ciencia afirmando "eu non teño ningún temor aos nanorrobots. A sociedade sempre lle ten medo aos avances e quere controlar a ciencia e debería confiar nos científicos porque non queremos enganala".