Preto de 5.000 persoas visitaron en A Coruña o Barco da Memoria

Actualizado: viernes, 18 agosto 2006 19:59

A CORUÑA, 18 Ago. (EUROPA PRESS) -

O Barco da Memoria zarpará mañá a primera hora do peirao do Parrote de A Courña, logo de que durante toda esta semana se convertese no punto de divulgación na cidade da represión política tras o golpe de estado franquista. Neste tempo, preto de 5.000 persoas visitaron o barco e as actividades que se desenvolveron en terra de forma paralela.

O único buque de vapor en activo do Estado, o Hidria II, totalmente rehabilitado, está a percorrer este verán a costa galega convertido no Barco da Memoria para render homenaxe ás vítimas do franquismo na Galicia mariñeira. Desde o luns á noite até esta tarde estivo atracado en A Coruña para dar a coñecer e recordar esa época.

O Barco da Memoria trouxo exposicións, charlas, recitais poéticos, música, pasarrúas e proxeccións audiovisuais. A celebración destes actos contou coa colaboración da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, da asociación Alexandre Bóveda e da comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Nas actividades participaron, entre outros, o escritor Manolo Rivas, o grupo musical A Quenlla e diversos investigadores sobre a represión franquista en Galiza.

Por outra banda, hoxe mesmo celébrase un roteiro baixo o lema "Segunda marcha contra a simboloxía franquista: Xenocidio Nunca Máis!", que sae da Praza Cánovas Lacruz e discorre polo centro da cidade.

SINGRADURA POLA COSTA

O Barco da Memoria forma parte das actividades que está a organizar a Consellería de Cultura e Deporte dentro do Ano da Memoria para dar a coñecer unha época da nosa Historia que aínda ten demasiados silencios. Na costa a represión iniciada tras o golpe de Estado ensañouse co tecido sindical que se creara arredor das fábricas conserveiras e dos traballadores mariñeiros.

Líderes sindicais e persoas significadas na loita polas liberdades e polas melloras das condicións laborais foron asasinadas, sufriron prisión ou foron repudiadas. O Barco da Memoria tenta dar luz a esta época.

O Hidria II comezou a súa singradura en Cambados e xa estivo en Moaña, San Simón, Baiona, Marín, O Grove, Illa de Arousa, Rianxo, Cabo de Cruz, Ribeira, Portosín, Muros e A Coruña. Tamén recalará este mes en Mugardos, Ferrol, Ría de Vigo e Cangas. Finalmente, en setembro, estará en Vigo, en Raxo e en Vilagarcía.

TESTEMUÑOS INÉDITOS

Gracias a este labor de divulgación están a aparecer testemuños de vítimas da represión que até agora non se coñecían. Familiares de persoas represaliadas, que se mantiveron en silencio durante anos a causa do temor, achéganse ao barco e comentan os casos das súas familias.

O Barco da Memoria está a servir tamén como un lugar de comunicación no que vítimas directas, familiares ou xente especialmente interesada poden intercambiar as súas historias. Hai persoas para as que o barco é un lugar de consolo, para expresar unha historia que até agora pasou inadvertida. Isto reflíctese ben no libro de sinaturas do barco, nos que hai textos que son verdadeiras dedicatorias, escritos por familiares que veñen saldar unha débeda co silencio de anos.

Pero ao barco non só acode xente ligada dunha forma ou doutra á represión, senón tamén persoas que descoñecían a dimensión das consecuencias do alzamento franquista. Precisamente, dar a coñecer esta realidade é un dos principais obxectivos do Barco.