A Radio Galega acada no EGM "o segundo mellor resultado da súa historia" con 180.000 oíntes de luns a domingo

Actualizado: martes, 11 julio 2006 22:38

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 11 Jul. (EUROPA PRESS) -

A Radio Galega logrou 180.000 oíntes de luns a domingo na segunda oleada do Estudio General de Medios (EGM), difundido hoxe, o que supón "o segundo mellor resultado da historia da emisora pública", despois dos 184.000 logrados na terceira oleada de 2005, segundo informou a propia radio nun comunicado. Estes datos supoñen un crecemento do 9,09% respecto a segunda oleada de 2005 é un crecemento do 5,88% respecto os datos obtidos na primeira ola de 2006.

De luns a venres, a Radio Galega ten 175.000 oíntes, o que supón un crecemento do 14,38% respecto a mesma ola do exercicio anterior (153.000 oíntes) é do 11,46% sobre os datos da primeira ola do EGM deste ano, ó lograr 18.000 oíntes máis.

No acumulado anual --que se calcula a partir da media das tres últimas olas, que coinciden coa nova dirección da emisora pública--, a Radio Galega logrou os mellores datos da súa historia, xa que de luns a domingo obtivo unha media de 178.000 oíntes, o que supón un crecemento do 25,35 por cento respecto o mesmo período do ano anterior (outubro de 2004 a maio de 2005), que ascendeu a 142.000 oíntes. De luns a venres, o acumulado anual ascende a 173.000 oíntes, o que supón un crecemento do 12.34 por cento respecto o mesmo período do ano anterior.

A Radio Galega considerou que estes datos, que a sitúan como a segunda emisora máis escoitada en Galicia, por detrás da Cadea Ser, son "positivos" porque se producen despois de abordar un profundo cambio de programación no mes de xaneiro, "non só nos nomes e nos directores dos programas, senón tamén nos contidos", para lograr ser una radio pública ao servizo de todos os galegos.

"Confírmase deste xeito o excelente estado de forma da emisora", aseveraron. Nas últimas tres olas, que sucederon a renovación directiva da CRTVG, producíronse "tres dos catro mellores resultados da historia da cadea" cuxo precedente máis próximo á audiencia actual producíase hai máis de 10 anos, cos 173.000 oíntes da primeira ola de 1993.

AUDIENCIAS

O maior crecemento de audiencia rexistrouse no programa 'Un día por diante', que dirixe e presenta Helena Soto polas mañás, desde o 1 de abril. Este incremento tamén lle afectou favorablemente á programación nocturna, en concreto, a 'Milenio', de Antón Rebollido, e a 'Deriva Atlántica', con Pepe Carreira. Na madrugada, a Radio Galega mantén o liderato co programa 'Pensando en Tí', que presenta Marcial Mouzo.

Nas fins de semana, a Radio Galega foi de novo escollida nas tardes dos domingos para o seguimento da actualidade deportiva, cun 'Galicia en goles' líder de audiencia entre as 21.00 e as 23.00 horas.

Deste xeito, a emisora pública galega "ve respaldados pola audiencia os cambios de programación que se veñen efectuando desde o pasado mes de outubro, e que pretenden abranguer cada vez máis segmentos da sociedade galega".