A Radio Galega sitúase con 170.000 oíntes de media coma a segunda emisora en índice de audiencia, segundo datos do EGM

Actualizado: martes, 25 abril 2006 22:24

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 25 Abr. (EUROPA PRESS) -

Os 170.000 oíntes de media acadados pola Radio Galega no periodo de luns a domingo otorgan á emisora autonómica un dos mellores datos do Estudio General de Medios (EGM) desde o ano 1993, cun acumulado anual de 173.000 oíntes, o máis alto desque comezou a emitir.

Así o revelan as cifras correspondentes á primeira ola do EGM, que abrangue os meses de febreiro e marzo de 2006, e na que a emisora autonómica se confirma coma a segunda en audiencia, por detrás da Cadena Ser. Ademais, comparativamente, a Radio Galega experimentou un crecemento dun 18,88 por cento con respecto á primeira ola de 2005 --de luns a domingo--.

Outros datos que destacan desta primeira ola de 2006 inciden no liderato nocturno da Radio Galega e na melloría experimentada noutras franxas, como a mañá do sábado e as tardes da fin de semana, nos que as retransmisións deportivas representan a característica principal.

Asimesmo, constátase un importante cambio no perfil da audiencia da emisora, que pasa por un forte avance da xente nova, en detrimento dos maiores de 65 anos; ao tempo que o oínte se vai "urbanizando", tras un crecemento do 60 por cento en núcleos poboacionais de máis de 50.000 habitantes, e experimenta un cambio no nivel de estudios, que se vai dirixindo cara aos niveis máis altos.

Para a Radio Galega, estas variacións supoñen un xiro importante cara o 'target' que se vai buscando, é dicir, un público máis novo e urbano, cun nivel de estudios alto. Asemade, estos datos obtivéronse nun periodo no que se acaba de estrear unha nova programación --posta en marcha o pasado 9 de xaneiro--, que supuxo un cambio importante respecto á de outubro.