A RAG presenta o libro 'Manuel Lugrís. Escolma de textos' con motivo dos actos do Día das Letras Galegas

Actualizado: viernes, 28 abril 2006 20:20

A CORUÑA, 28 Abr. (EUROPA PRESS) -

A Real Academia Galega (RAG) presentou hoxe, na súa sede da Coruña, o libro 'Manuel Lugrís. Escolma de textos' como parte dos actos organizados pola institución académica para conmemorar o Día das Letras Galegas, no que este ano se homenaxea ao escritor e xornalista galego Manuel Lugrís.

O acto contou coa presencia do presidente da RAG, Xosé Ramón Barreiro, e as autoras do libro, Nerida Cosme, responsable do arquivo fotográfico da institución académica, e a responsable de normalización lingüística, Dolores Sánchez.

Tamén asistiron ao mesmo o profesor e académico Xosé Luis Axeitos; Isaac Díaz Pardo e netos de Manuel Lugrís, xunto con outros membros da Real Academia Galega.

Nerida Cosme, unha das autoras do libro, editado por Edicións do Castro, explicou que a idea desta publicación foi do profesor Axeitos e destacou tanto a súa colaboración, como a da RAG e a de Edicións do Castro.

Sobre o traballo, sinalou que o proxecto xurdiu en outubro do ano pasado co obxectivo de facer "unha pequena antoloxía" e indicou que a intención foi "divulgar" a obra de Manuel Lugrís "xa que na maior parte dos seus textos non houbo máis que primeiras edicións", engadiu.

A publicación recolle unha pequena biografía e tamén tódolos xéneros que abordou ao longo da súa traxectoria, desde a poesía ata o teatro, pasando polos contos ou os artigos xornalísticos. Ademais, se inclúen tres discursos de Manuel Lugrís, un deles o que pronunciou cando ingresou no Seminario de Estudios Galegos, e dúas cartas escritas por él, unha delas a Castelao.

O profesor Xosé Luis Axeitos destacou o "rigor" desta monografía e calificou a Edicións do Castro como o lugar máis idóneo para a súa publicación. Así, lembrou que Edicións do Castro publicou no ano 1991 a primeira monografía sobre Manuel Lugrís.