29 de noviembre de 2020
20 de abril de 2006

Ramón Villares considera "precipitado" propoñer unha remodelación do CCG e garantiza unha "transición pacífica"

Aboga por esperar á reforma do Estatuto para introducir cambios e márcase o obxectivo de que a "diversidade cultural" se atope "cómoda"

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 20 Abr. (EUROPA PRESS) -

O novo presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares, considerou hoxe "precipitado" pronunciarse acerca da posibilidade de acometer unha remodelación na institución e prometeu unha "transición pacífica" tralos catro anos de mandato de Alfonso Zulueta de Haz.

En declaracións aos medios de comunicacións nada máis rematar o pleno que o situou ao frente do Consello por 23 votos a favor, un en contra e un en branco, Villares declarou que na súa nova etapa "haberá moitas ocasións" de estudiar cambios no CCG, se ben aclarou que as decisións deberán tomarse "de xeito moi sosegado" nas sucesivas sesións plenarias.

Así, recordou que a composición actual está fixada pola Lei de Creación do Consello da Cultura, que "xa foi debatida no seu momento", e engadiu que xa pasaron "moitos anos" nos que esta norma foi "suceptible de ser revisada". "Dende o ano 93 --cando se creou esta institución-- mudaron moitas cousas, pero teremos que resolvelas co tempo", explicou.

Ademais, o que fora rector da Universidade de Santiago de Compostela entre 1990 e 1994 advertiu de que Galicia está ante a reforma do seu Estatuto de Autonomía e, por iso, abogou por "esperar a ver que sucede" para tomar calquera determinación. Con todo, aclarou que o CCG "defenderá o estatus de órgano estatutario" do que goza actualmente como algo "innegociable". "Pero no estamos nese discusión", aseverou.

Neste sentido, rexeitou pronunciarse sobre a reformulación do consello que debería levar aparellada a revisión do texto de 1981, posto que se trata dunha cuestión que "xa discutirán os parlamentarios".

PROPOSTAS

Aínda así, sobre propostas coma a do BNG, que aposta por un instituto cultural, Villares declarou que "o más parecido a isto é precisamente o consello", do que recordou que garda "moitas analoxías" con Instituto de España, posto que ambos están integrados por universidades, fundacións e patronatos importantes.

A maiores, o novo presidente, quen recalcou que o seu nomeamento non será formal ata que non o aprobe o Consello da Xunta e saia publicado do DOG, avanzou a súa intención de avaliar o consello tanto interna como externamente, no sentido de "que se espera da institución", co obxectivo de presentar un Plan de Acción.

Con todo, Ramón Villares comprometeuse a manter unha "continuidade" co labor do seu antecesor que, máis alá dos "cambios" que poida introducir, garanta a "salvagarda da independencia" do CCG e que a "diversidade" de xente que o compón se atope "comoda". "Que siga sendo casa da cultura", engadiu.

Segúndo as súas palabras, o consello supón un "portaavións da cultura galega", composto por "personaxes moi relevantes e as principais institucións e, por iso, prometeu "a mellor das intencións" e adicar "toda a capacidade de traballo".