Ramón Villares é elexido novo presidente do Consello da Cultura Galega, en sustitución de Zulueta de Haz

Actualizado: jueves, 20 abril 2006 22:10

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 20 Abr. (EUROPA PRESS) -

O ex rector da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e catedrático de Historia Contemporánea Ramón Villares foi elixido hoxe novo presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), no pleno extraordinario celebrado polo organismo, no que sustituirá a Alfonso Zulueta de Haz, que levaba no cargo dende o 17 de abril de 2002, cando relevou ao finado Carlos Casares.

O pleno celebrouse en primeira convocatoria ás 19.00 horas, trala intervención inicial do propio Zulueta de Haz, que precedeu a elección do novo responsable da institución en votación secreta do plenario, composto pola conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo; 15 membros designados en representación das principais institucións culturais e dez persoeiros elixidos polo Pleno polo seu destacado traballo nos diversos campos da cultura. Ramón Villares será nomeado posteriormente por decreto da Xunta de Galicia, a proposta da conselleira de Cultura.

Trala xuntanza, os membros do plenario acudiron ao concerto 'Galicia e as Cantigas de Santa María de Afonso X', interpretado por Antoni Rossell & G. Courtly Music Consort no Refertorio do Pazo de Xelmírez e posteriormente, ás 21.15 horas, o Hostal dos Reis Católicos celebrará unha cea en homenaxe ao presidente do Consello da Cultura Galega saínte, Alfonso Zulueta de Haz, na que está previsto que, ademais dos membros do Plenario, asista o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, presidente de Honra do CCG.

BIOGRAFÍA

Ramón Villares Paz naceu en Vilalba en 1951. É catedrático de História Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela desde 1987 e director do Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega e participa no consello asesor de revistas como Ayer, Historia Social, Hispania, Ler Historia ou Perspectivas Históricas, algunhas delas internacionais.

Foi decano da Facultade de Xeografía e Historia entre 1986 e 1990, rector da Universidade de Santiago entre 1990 e 1994 e membro fundador e presidente da Asociación española de Historia Contemporánea (1996-2002) e tamén destaca a súa faceta de investigador en proxectos do CYCIT e da Xunta de Galicia.

Villares é autor de máis de setenta publicacións, entre as que destacan libros como La propiedad de la tierra en Galicia, 1500-1936, Siglo XXI Editores, Madrid, 1982, Foros, frades e fidalgos, Estudos de historia social de Galicia, Edicións Xerais, Vigo, 1982, Galicia. A Historia, Editorial Galaxia, Vigo, 1984 (con versión en lingua española e portuguesa), Figuras da nación, Edicións Xerais de Galicia, Vigo, 1997 e El mundo contemporáneo, siglos XIX y XX, Editorial Taurus, Madrid, 2001 (en colaboración con Antón Baamonde).