Rural.- Touriño propón asumir o galego coma un "valor engadido" nas relacións comerciais e superar "vellos prexuízos"

O presidente felicita aos adegueiros por galeguizar o etiquetado dos viños e impulsar unha guía da súa actividade nesta lingua

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 13 Jul. (EUROPA PRESS) -

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, propuxo hoxe concebir o idioma galego coma un "valor engadido" para as actividades comerciais e para garantizar a superación do "vello prexuízo" sobre a lingua coma "instrumento pouco apto ou sinxelamente inútil" para este tipo de actividades.

Na súa intervención na presentación do libro 'Palabras e terra', unha guía das adegas galegas íntegramente en galego, Touriño aproveitou para felicitar a estes profesionais por ter adoptado esta iniciativa que, ao seu xuízo, supón "un paso máis, dos moitos que hai que dar", no proceso de normalización lingüística en Galicia.

Así, reivindicou o "prestixio" das marcas incluídas na publicación que, mediante un traballo "de moitos anos", se erixiron coma as "preferidas" polos consumidores tanto na comunidade, como en España e nos mercados internacionais.

Según manifestou o mandatario autonómico, este feito representa unha "demostración clara" de que o etiquetado en galego "non supón atranco ningún" para a comercialización de produtos de calidade recoñecida como a dos viños galegos.

VALOR ENGADIDO

Por iso, dixo "compartir a opinión" de que no caso deste producto, ao igual que doutros agroalimentarios "vencellados á terra, á tradición e á cultura", o uso do galego representa un "valor engadido que robustece tanto a imaxe da marca coma a desa 'supramarca' chamada Galicia".

Ademais, destacou o "valor exemplificador" desta iniciativa, que "non só alcanza ao sector do viño", posto que, dada a súa "importancia e o recoñecemento" coma eido "puxante e innovador", o feito de que incorpore o galego ao seu etiquetado constitúe un "valor comercial e de comunicación e imaxe comercial". "En definitiva, como un valor económico", engadiu.

Así, e pese a que non tódalas empresas adicadas á fabricación vitivinícola en Galicia se sumaron a esta iniciativa, Touriño proclamou que no libro "son tódalas que están" e sostivo que "non hai mellor modo de convencer a unha empresa da bondade dunha iniciativa que mostrarlle empíricamente o seu éxito".

CATÁLOGO DE ADEGAS

De igual xeito, considerou que 'Palabras e terra', ao que definiu coma "un auténtico catálogo das adegas galegas, ou cando menos das galeguizadas", será "moi útil como instrumento promocional xa non só para as empresas presentes no libro, senón para o conxunto do sector".

Por todo, considerou o libro unha "excelente tarxeta de presentación para os adegueiros que nel participan" e destacou que a súa elaboración "no é froito da confrontación, nin do conflito, nin da imposición, senón da cooperación, do diálogo e do respecto mutuo entre todas as instancias implicadas na súa elaboración".