Rural.-A Xunta di que a contratación das brigadas municipais está planificada en función do clima e dos riscos de lumes

Medio Rural prevé a incorporación escalonada das brigadas de loita contra incendios para lograr unha cobertura total na campaña

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 17 Jun. (EUROPA PRESS) -

A Consellaría do Medio Rural asegura que o proceso de contratación das brigadas municipais para a campaña de loita contra incendios está perfectamente planificado en función da situación climatolóxica e do nivel de risco.

Segundo indicou hoxe a Xunta, este ano serán un total de 209 as cuadrillas que se prevén conveniar con 186 concellos ou mancomunidades para reforzar o dispositivo de extinción co que contará a Xunta de Galiza na época de máximo risco de lumes forestais.

Deste dispositivo formarán parte 3.120 persoas entre fixos, fixos-discontinuos e persoal do Plan Infoga e ao que se sumarán os 1.463 traballadores contratados polos concellos e os 735 que formarán parte dos GRUMIR (Grupos Municipais de Intervención Rápida).

Medio Rural prevé que dos 186 convenios que se van asinar ao longo da próximas semanas, o 70% entrarán en vigor coincidindo co comezo da campaña, o próximo 1 de xullo, mentres que o 30% restante farano o 16 de xullo.

DOSIFICACIÓN

O departamento que dirixe Alfredo Suárez Canal pretende así dosificar a incorporación das cuadrillas municipais, dado que en algúns casos os concellos aínda non decidiron se se manterán activas durante o período de tres meses ou de dous meses e medio. Segundo Medio Rural, coa incorporación escalonada conséguese unha cobertura total durante o período que dura a campaña e non se concentran os esforzos só no seu comezo.

Así, fronte ás críticas vertidas os últimos días por representantes da oposición, A Xunta lembra que o ano pasado, cunhas condicións extremas de seca, o maior continxente de brigadas municipais (un total de 135) comezaron a traballar nos labores de extinción o día 16 de xullo.

Consciente de que no que vai de ano a situación climatolóxica é de menor risco para a proliferación dos incendios forestais, o departamento de Medio Rural prevé a incorporación das brigadas a partir de comezos da campaña, aínda que deixa aberta a posibilidade de incorporar máis efectivos, tanto propios como conveniados, se a situación se complica.

FINANCIAMENTO E REQUISITOS

En canto ao finanzamento das cuadrillas, a Dirección Xeral de Montes aclarou que este ano non se produciu ningún cambio con respecto a exercizos anteriores, senón que se mantén a aportación da administración galega en 7.600 euros ao mes para gastos de funcionamento da cuadrilla. O resto do custe deberá ser asumido polo concello ou entidade que subscriba o convenio de colaboración.

Sen embargo sí se rexistraron modificacións noutros aspectos como, por exemplo, nos requisitos dos aspirantes a cubrir as sete prazas que conforman unha cuadrilla. Tal e como se recolle nos convenios, a Consellaría seleccionará un representante con voz e voto nas mesas de selección do persoal, de forma que se garantan os principios de publicidade, mérito e capacidade nas convocatorias.

Así mesmo, requírese unha capacidade física axeitada, coñecemento do territorio e experiencia nas tarefas de prevención e extinción de incendios para os integrantes da brigada e, sempre que sexa posíbel, a posesión dun título medio ou superior nas ramas agraria ou forestal para a persoa que exerza de coordinador do grupo.

Medio Rural esixirá tamén que os membros da cuadrilla posúan formación básica en materia de prevención de riscos laborais. O departamento que dirixe Alfredo Suárez Canal comprométese a impartir nos centros de formación da Xunta de Galiza este tipo de cursos, a cargo de técnicos competentes na materia. No caso de rexeitar esta oferta serán os concellos os que deban asumir este proceso formativo.