Salgado aposta por potenciar a publicidade en galego dado que facilita a penetración dos produtos no mercado

Actualizado: jueves, 16 febrero 2006 21:03

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 16 Feb. (EUROPA PRESS) -

O secretario xeral de Comunicación da Xunta de Galicia, Fernando Salgado, asegurou esta noite que "publicidade e lingua aliméntanse mutuamente" e apostou polo uso do galego nos anuncios para potenciar "non só o idioma galego" senón a "creatividade do país". Salgado fixo estas declaracións na XII edición dos premios de Publicidade en Galego, celebrada esta noite en Santiago. Ao mesmo tempo, indicou que a "publicidade en galego" é na actualidade unha "exitosa estratexia de moitas empresas", o que demostra que se trata "dun investimento que facilita a penetración dos seus produtos nunha máis ampla rede de mercados".

"O idioma galego conseguiu abrirse camiño no campo da publicidade e está a converterse nun referente para os creadores dos anuncios", asegurou Salgado. Na súa intervención, destacou que arredor da publicidade "xermola toda unha cultura propia que se está a integrar nas tecnoloxías máis modernas e nas novas canles de comunicación como é o caso de Internet".

O secretario xeral apostou por "promover o uso do galego" aproveitando "as oportunidades que brinda a economía do coñecemento". "Non podemos desperdiciar a oportunidade que as novas tecnoloxías nos brindan para que a nosa lingua sexa coñecida e, por qué non, descuberta por moitos navegantes da rede informática mundial", advertiu Salgado.