Sánchez Piñón anima aos alumnos de secundaria a escribir relatos para afirmar a súa personalidade e reflexión crítica

Actualizado: martes, 7 febrero 2006 20:18

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 7 Feb. (EUROPA PRESS) -

A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, animou hoxe aos alumnos de secundaria participantes no concurso de relatos curtos Repsol YPF a seguir escribindo para afirmar a súa personalidade e reflexión crítica.

Así, Sánchez Piñón destacou o papel da literatura "como creadora de beleza e transmisora de emocións e pensamentos" durante o acto de entrega dos premios do XVIII Concurso de Relatos Curtos Repsol-YPF, celebrado no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia en Santiago, e no que tamén participou o director do Complexo Industrial Repsol-YPF, Rafael Rubio Fernández.

No evento, a máxima responsable educativa autonómica destacou a importancia deste tipo de iniciativas como "espazos formativos" para que a mocidade exprese "a súa creatividade e a súa imaxinación".

O Concurso de Relatos Curtos Repsol-YPF está dirixido a todos os centros de ensinanza galegos que imparten ESO, FP e Bacharelato. Nesta edición presentáronse un total de 150 traballos, dos cales chegaron á final 14 no apartado de lingua castelá, e 12 no de lingua galega.

Nesta edición do concurso resultaron gañadores no apartado de lingua galega, Yago Tarrio Tato do Colexio La Salle de Santiago de Compostela, que recibiu o primeiro premio, dotado con 1.000 euros polo seu relato 'Música de Wagner'. O segundo premio, dotado con 500 euros, foi para Ana Costas Vilas, do IES Johan Carballeira de Bueu (Pontevedra), polo seu traballo 'Engano á morte'.

No apartado de lingua castelá, Carmen Álvarez Hernández, do Colexio Santa Teresa de Jesús-Carmelitas, recibiu o primeiro premio, tamén dotado con 1.000 euros, polo seu relato titulado 'El tren de la vida'. Pola súa banda, Ana María Sastre Fernández, do Colexio Compañía de María de A Coruña, foi galardoada co segundo premio, de 500 euros, por 'Silencio de madera'.

Os centros dos galardoados recibiron, asemade, un lote de libros de Edicións Xerais valorados en 600 euros no caso dos primeiros premios, e en 350 euros, os dos galardoados que recibiron os segundos premios.