Sánchez Piñón defende o uso das TIC no ensino como "obxecto, medio e apoio" ao proceso de aprendizaxe

Actualizado: martes, 13 junio 2006 21:01

Lembra que Galicia ocupa un dos últimos postos no conxunto de España en fogares que contan cun ordenador

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 13 Jun. (EUROPA PRESS) -

A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, defendeu hoxe o uso das Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC) como "obxecto, medio e apoio" ao proceso de aprendizaxe.

A Administración educativa traballa para empregar as TIC no sistema educativo como obxecto, o que permite que o alumnado se familiarice co ordenador e adquira competencias para convertelo nun instrumento útil para o estudo; como medio, cando é un servizo de formación a distancia; e como apoio ao proceso de aprendizaxe cando están pedagoxicamente integradas e teñen o seu lugar na aula.

Así o indicou a conselleira na inauguración das xornadas 'As novas tecnoloxías na educación', que se desenvolveron no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). Lembrou que desde que se incorporaron as tecnoloxías ao ensino, observouse que suscitan a colaboración entre o alumnado; axúdanlles a centrarse na aprendizaxe; melloran a motivación e o interese; favorecen o espírito de indagación; promoven a integración e estimulan as habilidades intelectuais.

Ademais, as TIC servíronlle, segundo Sánchez Piñón, ao profesorado como instrumento de busca de material didáctico e de colaboración con outros docentes.

ÚLTIMOS POSTOS

A conselleira de Educación sinalou que Galicia ocupa con respecto ao resto das autonomías os últimos postos en ordenadores por fogar, e engadiu que "as familias españolas aínda se atopan a bastante distancia das europeas no uso das novas tecnoloxías".

Ao respeito comentou que se deduce que a situación da comunidade galega "dista moito de ser favorable". Precisamente, para mellorar estas cifras, o Goberno galego convocou 10.000 axudas de 300 euros a familias con menos recursos económicos para a adquisición de un ordenador. O investimento total ascende a tres millóns de euros.

Pola súa banda, a director xeral de Ordenación e Innovación Educativa, María José Pérez Mariño, abordou nas xornadas a incorporación das novas tecnoloxías á educación. Durante a súa intervención, avogou porque o sistema educativo se adecúe ás necesidades xurdidas na sociedade da información.

Neste sentido, salientou que a Administración educativa convocou diversas accións para fomentar o desenvolvemento de proxectos innovadores e a creación de materiais educativos propios da Sociedade da Información. Neste marco figura o Plan TIC, os premios a materiais educativos multimedia e interactivos; os pupitres electrónicos e o proxecto Internet na Aula, desenvolvido entre o Ministerio de Educación (MEC) e as Comunidades Autónomas.