A Semana Cultural previa ao Festival A Noite do Trasno comeza mañá cun obradoiro de reciclaxe en Bueu (Pontevedra)

Actualizado: domingo, 6 agosto 2006 20:00

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 6 Ago. (EUROPA PRESS) -

A Semana Cultural previa ao Festival A Noite do Trasno comeza mañá luns cun obradoiro de reciclaxe na praia de Beluso, en Bueu (Pontevedra), a partir das 19.00 horas. A Asociación Mozas e Mozos programou esta e outras actividades ecolóxicas -totalmente gratuítas- co fin de concienciar sobre a importancia de non xerar residuos e coidar a natureza.

A vallisoletana Rosana Sánchez encargarase de impartir o taller, estruturado en diferentes grupos de traballo que aprenden dende o proceso do papel reciclado ata cómo crear xoguetes con supostos desperdicios. Botellas de plástico, corchos, recipientes para os ovos, xornais vellos, todo vale para crear unha careta ou un tres en raia, segundo indicou a organización.

O obradoiro que marca o inicio da Semana Cultural do Trasno non se centra só nos traballos manuais. A monitora -de profesión terapeuta ocupacional- explicaralle tamén aos rapaces por qué é necesario reciclar, contándolles todo o que se gasta para facer o papel branco. A sesión inclúe ademais dinámicas de presentación para que os rapaces se coñezan e xogos conxuntos, con protagonismo do papel reciclado e dos diferentes tipos de lixo.

A outra actividade que estaba programada para as 21.00 horas na Casa do Pobo de Beluso -unha mesa redonda sobre a conservación da natureza- foi finalmente suspendida por incompatibilidade de axendas dos participantes. A Semana Cultural do Trasno continuará o martes con xogos populares na praia de Lagos e danza tradicional en Bueu.

EXPOSICION

O establecemento Casa Arturo, de Beluso, acolle estes días unha exposición sobre o Festival A Noite do Trasno que no último ano pasou por diferentes localidades galegas coma Cangas, Vigo ou Santiago de Compostela.

A mostra componse de diferentes paneis que representan trasnos creados a partir de múltiples fotografías tomadas por Xabier Castro, 'Xabicas', no transcurso dos concertos celebrados no Cabo Udra, ademais dun texto escrito polo polifacético Xurxo Souto baixo o título 'O día que o trasno me saudou'.

O Festival A Noite do Trasno, organizado pola Asociación Mozas e Mozos de Beluso, celebrará o seu quinto aniversario os días 11 e 12 de agosto coas bandas J't, Travelers, La Kinky Beat e Kogito o venres, mais Quempallou, Soak, Salida Nula e Banda Potemkin o sábado.