SANTIAGO DE COMPOSTELA, 12 Ene. (EUROPA PRESS) -
O reitor da Universidade de Santiago (USC), Senén Barro, reuniuse hoxe en San Xerome co recén nomeado xerente do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), Jesús Caramés Bouzán, nun encontro no que analizaron os actuais eidos de colaboración existentes entre o CHUS e a USC no relativo ao desenvolvemento de actividades de docencia e investigación.
Trátase da primeira xuntanza que ambos manteñen logo de que o doutor Caramés tomase posesión do seu cargo ao fronte do complexo hospitalario universitario o pasado martes.
No encontro, no que tamén participou o secretario xeral do Servizo Galego de Saúde (Sergas), Antolín Rodríguez Martínez, destacouse que a USC, coa única Facultade de Medicina de Galicia, mantén unha estreita colaboración co centro asistencial compostelán no desenvolvemento de accións conxuntas para a formación dos futuros profesionais das ciencias da saúde.
Jesús Caramés é especialista en Cirurxía Pediátrica e posúe a diplomatura en Xestión Xerencial Hospitalaria e iniciou o seu labor como Médico Residente de Cirurxía Pediátrica no Hospital Juan Canalejo, e ocupou o posto de médico adxunto neste mesmo servizo. Tamén exerceu como coordinador do Programa de Transplante Hepático Infantil no Hospital Teresa Herrera de A Coruña.
Posteriormente, e xa no eido da xestión Hospitalaria, foi subdirector médico do Hospital Materno Infantil Teresa Herrera; director médico da Residencia Xeral Juan Canalejo e director médico coordinador do Hospital Juan Canalejo. Caramés Bouzán é, tamén, docente da Escola Nacional de Sanidade e do Centro Universitario de Saúde Pública da Universidade Complutense de Madrid, entre outras institucións académicas.