'Somos unha potencia' e 'Pequeno gran show', novos programas para a oferta de verán da TVG

Actualizado: jueves, 18 mayo 2006 21:52

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 18 May. (EUROPA PRESS) -

A Televisión de Galicia (TVG) traballo en dous novos produtos para incorporalos á súa grella de programación de cara á temporada de verán.

Un deles, denominado 'Somos unha potencia', é un espazo dirixido e presentado polo actor galego Carlos Blanco, con produción executiva de Antón Reixa. Trátase dun talk show, con entrevistas, seccións humorísticas e música. Cada programa estrutúrase ao redor de dúas entrevistas: a primeira delas cun personaxe de sona, e a segunda con xente descoñecida.

Ao final, Carlos Blanco "editorializará", a través dun monólogo, o tema monográfico sobre o que xire cada edición de 'Somos unha potencia'. Asemade, incluiranse diversas seccións, como 'Espía que algo queda', 'As rumorosas', 'Casting de espías' ou 'Todo o que ven na rede é peixe', entre outras.

Presenza de público e música en vivo conforman outros dos ingredientes fundamentais deste programa, que supón o regreso do polifacético Carlos Blanco á canle autonómica, despois de ter feito programas como, por exemplo, 'Selección galega', hai xa algúns anos.

Outro dos programas que se están preparando de cara ao verán ten como protagonistas aos nenos, e está previsto o seu inicio de emisión para o vindeiro mes de xuño. Baixo o nome de 'Pequeno gran Show' agóchase un magazine protagonizado polos máis pequenos da casa, e a súa relación cos maiores. Se o anterior programa supoñía o regreso de Carlos Blanco á TVG, este terá a Iolanda Vázquez como condutora, no que supón tamén unha volta da presentadora á canle autonómica.

'Pequeno gran Show', no que os protagonistas son os nenos, encargados de entrevistar aos famosos que visitan o plató, é un programa pícaro e imprevisible, que mestura unha serie de xéneros e no que destaca a presenza de varias seccións, como 'Cara a cara', 'Talk Show' ou 'O Merengazo', nas que Iolanda terá que "lidiar" coa espontaneidade, a picardía e tamén a inxenuidade e a inocencia dos máis pequenos.

Diversión e humor para un público familiar, dous rostros coñecidos da audiencia galega e, sobre todo, dúas apostas da canle autonómica para incluír na súa programación de verán, que segue, asemade, traballando noutros proxectos que axiña se irán incorporando á oferta programática da TVG.