Teatro, danza, música, maxia e novo circo chegarán en setembro a 30 municipios xacobeos

A cantante galega e intérprete de violoncelo Rosa Cedrón.
XUNTA
Publicado: jueves, 30 agosto 2018 15:43

   Este sábado actuará Rosa Cedrón en Carral e o Coro Encaixe en Sarria; e, o domingo, Circo Chosco en Boqueixón e a compañía Píscore en Portas

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 30 Ago. (EUROPA PRESS) -

   A sexta edición do ciclo 'Cultura non Camiño' programará durante o mes de setembro 44 actuacións escénicas e musicais que percorrerán 30 municipios xacobeos, na compaña de teatro, música, maxia, novo circo e danza, producidos en Galicia "de forma profesional".

   Así, tal e como sinalou a Xunta nun comunicado, esta iniciativa, organizada pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e Turismo de Galicia, ten o obxectivo de "enriquecer e descentralizar a oferta cultural galega", así como "dinamizar a contratación" dos espectáculos de diversas compañías galegas.

   Neste senso, explicou que este ano son 142 as formacións artísticas en cartel, cifra "moi superior" ás 56 compañías coas que este ciclo de actuacións se puxo en marcha no 2013. A iniciativa conta na actualidade cun orzamento de 570.600 euros para este ano 2018.

   En concreto, segundo apuntou o Goberno galego, a programación concéntrase nos meses centrais do ano, para coincidir co período de "maior auxe das peregrinacións" e "contribuír a enriquecer o programa turístico" dos concellos participantes.

   Deste xeito, a música tamén "protagoniza" o arranque da súa carteleira de setembro, coa actuación o sábado 1 de Rosa Cedrón, en formato dúo, nas instalacións da Piscina Municipal de Carral (A Coruña), ás 22,00 horas; e do Coro Encaixe, no Paseo do Malecón de Sarria (Lugo), ás 20,00 horas.

   Así mesmo, o domingo 2, Ponte Ledesma, en Boqueixón (A Coruña), acollerá a montaxe circense 'Forzu2', de Circo Chosco, ás 18,00 horas; e o Auditorio da Azucreira de Portas (Pontevedra) recibirá á compañía Píscore, co espectáculo 'Concerto singular', á mesma hora. Seguidamente, ás 19,00 horas, o Paseo do Malecón de Sarria (Lugo) acollerá a actuación 'Ghop!', de Teatro ó Cubo.

TRINTA LOCALIDADES DO CAMIÑO

   A programación continuará até finais de mes noutra trintena de localidades, todas elas situadas nalgunha das rutas do Camiño de Santiago. Deste xeito, percorrerá concellos coruñeses como A Coruña, Culleredo, Fisterra, Mazaricos, Neda, O Pino, Oroso, Ribeira, Teo e Vilasantar.

   Ademais, tamén chegará á provincia de Lugo, aos municipios da Fonsagrada, Begonte, Chantada, Guitiriz, Lourenzá, Mondoñedo, Palas de Rei, Paradela e Sober. Pola súa banda, na de Ourense, pasará pola capital e San Cibrao das Viñas. Finalmente, en Pontevedra poderase gozar do ciclo na Guarda, Caldas de Reis, Catoira, Meaño, Oia, Pontecesures, Redondela, Silleda e Valga.

   En total, 'Cultura non Camiño', que deu inicio a mediados do mes de abril, mantén un programa que consta de 340 citas culturais para o público de 103 municipios, todos eles incluídos nas rutas xacobeas.

Leer más acerca de: