Un total de 1.200 nenos ourensáns participarán o luns no Tren Caixanova para potenciar o uso do galego

Actualizado: viernes, 3 marzo 2006 21:42

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 3 Mar. (EUROPA PRESS) -

O Tren Caixanova iniciará o vindeiro luns desde Ourense o seu percorrido para fomentar o uso do galego entre os nenos de 5 a 8 anos de idade, dos que un total de 1.200 participarán nesta primeira viaxe na que contarán coa participación do escritor Marcos Valcárcel; do director de Relacións Institucionais de Caixanova en Ourense, Amadeo Rodríguez, e do concelleiro de Cultura, Xosé Araújo.

A presentación terá lugar na estación de ferrocarril ás 10.00 horas, tralo que os nenos viaxarán a Monforte de Lemos acompañados de pallasos, contacontos e grupos de animación que amenizarán diversas actividades para incentivar o uso do galego e dar a coñecer a historia do tren en Galicia e as súas vantaxes como medio de transporte público.

Caixanova organizará 45 viaxes en ferrocarril ata xuño entre as principais cidades galegas e, como novidade, escritores en lingua galega participarán no primeiro percorrido que saia de cada unha das estacións de tren.

Neste primeiro percorrido participarán 200 alumnos do CEIP Vistahermosa, CPR Padre Feijoo de Zorelle, CPI da Cañiza, EEI de Dacón, CPR La Purísima, CEIP San Mamede e CEIP do Xurés.

Os obxectivos desta iniciativa pretenden que os nenos descubran o pracer de viaxar en tren, que coñezan un pouco máis Galicia e que se acheguen á cultura e idioma galego dunha forma activa e visual. Toda a comunicación cos nenos por parte dos animadores e coordinadores da viaxe será en galego, para que os rapaces se familiaricen co idioma, fomentando unha actitude favorable e aberta sobre a práctica da lingua galega.