Touriño será entrevistado mañá no novo programa de Barreiro Rivas na TVG, 'Volver ó rego'

Actualizado: miércoles, 29 marzo 2006 22:34

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 29 Mar. (EUROPA PRESS) -

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, será o primeiro convidado do novo programa da Televisión de Galicia (TVG) 'Volver ó rego', que estrea mañá o politólogo e ex vicepresidente do Goberno galego Xosé Luis Barreiro Rivas e que contará cunha tertulia na que tamén tomarán parte o director da Gran Enciclopedia Galega, Benxamín Casal, e a actriz Uxía Blanco.

Nun decorado que semella o salón de lectura dun antigo casino, Barreiro Rivas analizará as facetas máis descoñecidas do presidente para gran parte dos cidadáns. Na primeira parte da conversa, o ex vicepresidente falará con Touriño sobre as consecuencias persoais que se derivan do exercicio do poder.

Ademais, na conversa se repasarán os seus anos de estudante en Compostela, onde participou activamente nas revoltas estudantís dos anos 60.

'Volver ó rego' contará semanalmente coa participación de tres contertulios que analizarán a realidade nun programa que aspira a ser un espazo para a reflexión, a opinión e a confrontación de pareceres, no que os tertulianos abordarán os temas de actualidade.

A tertulia, de 60 minutos de duración, lembra o ambiente dos casinos do primeiro cuarto do século XX e un colaborador fixo, o camareiro Modesto --que interpreta o actor Lino Braxe--, exercerá de partenaire do moderador e será quen transmita a Barreiro a voz da rúa. Outra figura presente no plató será o pianista Alfredo Susavilas, que pon a melodía de fondo ad hoc en diferentes momentos da tertulia.