A TVG homenaxea cunha gala a Pucho Boedo nos 20 anos do seu pasamento

Actualizado: viernes, 3 febrero 2006 21:05

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 3 Feb. (EUROPA PRESS) -

Con motivo do 20 aniversario do pasamento dun dos grandes cantantes da música galega, Pucho Boedo, a Televisión de Galicia quere renderlle unha homenaxe organizando este domingo un gran espectáculo no Palacio da Ópera de A Coruña, en colaboración co concello herculino.

A gala, que emitirá a TVG en vindeiras datas, levará o título '¡Sempre Pucho!', está dirixida por Paco Lodeiro e presentada por Iolanda Vázquez contando, en todo momento, co soporte musical da orquestra Os Satélites, formación coa que actuou Pucho.

Numerosas personalidades confirmaron a súa presenza para render homenaxe a este cantante, pioneiro en interpretar en galego temas do cancioneiro popular ao igual que poemas de Rosalía de Castro, Curros Enríquez ou Celso Emilio Ferreiro. Deste xeito, este domingo estará na Coruña Miguel Ríos, amigo de Pucho Boedo; Nancho Novo; Os Tamara, Xoel López de 'Deluxe'; Sito Sedes; Uxía; Paco Lodeiro; e Prudencio Romo, o seu compositor. Ademais durante a gala ofreceranse imaxes de arquivo de moitas das actuacións do propio Pucho Boedo.

Os comezos de Pucho Boedo foron polos anos corenta nos escenarios de A Coruña. Cos Satélites, no ano 54, viaxou a Venezuela, de onde trouxo a Galicia a música e os sons tropicais. Cos Tamara, Pucho viaxou a París compartindo durante un mes escenario con Jacques Brel na sala Olimpia de París. A partir de aí e ata a súa última actuación, na gala especial fin de ano da TVG de 1985, Pucho Boedo levou por España e polo mundo adiante a música e a lingua galega.